HomePontevedraSoutomaior aprobará este xoves os orzamentos municipais co maior gasto social da...

Soutomaior aprobará este xoves os orzamentos municipais co maior gasto social da súa historia

- Anuncio -spot_img

As axudas para familias en risco duplícanse respecto ao ano anterioDestinaranse máis de 20.000 euros para apoiar á hostalería local
O Concello de Soutomaior aprobará este xoves os seus orzamentos para o ano 2021. Unha previsión económica que ascende a 4.479.052 euros, sen contar as achegas doutros organismos, e que ten como principal obxectivo conter os efectos da pandemia no municipio mediante axudas directas a familias e negocios locais. Todo iso mantendo por noveno ano consecutivo a Débeda 0 do consistorio e a conxelación de taxas municipais.
O alcalde de Soutomaior, o popular Agustín Reguera, definiu estes novos orzamentos como “realistas, baseados na eficiencia na xestión e co obxectivo claro de protexer aos veciños e ás empresas locais. Aseguramos o mantemento de todos os servizos, incrementando as partidas máis importantes, mantendo a Débeda 0 e pensando nos veciños coa conxelación de taxas municipais por noveno ano consecutivo”.
A principal novidade da previsión deste ano é o aumento da partida destinada os Servizos Sociais e as políticas de protección e promoción Social no municipio, que alcanza os 606.000 euros. Esta subida está motivada polo aumento na partida destinada a sufragar as axudas a familias en risco de exclusión social, que pasa dos 22.000 euros a case o dobre, 42.000 euros.
Ademais, cumprindo co acordo alcanzado entre o alcalde e a Asociación de Hostaleiros, se reserva unha partida de máis de 20.000 euros para financiar as axudas directas aos negocios locais. Subvención destinada a cubrir os gastos de auga, rede de sumidoiros e recollida de lixo, ademais de manter a exención no pago polas terrazas.
As partidas destinadas a Deporte, Xuventude, Igualdade e Turismo mantéñense con respecto ao exercicio pasado. A única concellería que rexistra unha leve baixada é a de Cultura, que, #ante a imposibilidade de organizar festas e eventos, posibilita o aforro necesario para sufragar a subida en acción social.
Ademais, o novo orzamento contempla unha subida salarial do 0.9% para os empregados municipais reflectido na partida de persoal. Unha mellora na que non se inclúen as retribucións do equipo de goberno, que serán as mesmas que o pasado ano.
Do mesmo xeito, “hai partidas que podemos baixar debido á boa xestión e ás melloras realizadas durante estes anos”, confirmou Reguera, referíndose á previsión do gasto eléctrico municipal, “Grazas á iluminación LED que instalamos en Barroncas e Cima de Vila, está previsto que podamos aforrar máis de 8.000 euros anuais en electricidade. É un aforro moi importante e con cada mellora que fagamos, máis aforraremos”, concluíu Reguera.
A pesar de non estar contabilizados neste orzamento, haberá que sumar 526.000 euros máis procedentes das achegas doutros organismos. Deles, 400.000 euros destinaranse a investimentos e melloras no municipio e 126.000 a promoción do emprego e contratacións. Neste sentido, xa están programadas varias actuacións que se financiarán con estas achegas como a mellora no acceso á Igrexa de Soutomaior, a conversión a Centro Social da antiga Escola Unitaria de Moreira, a humanización da Rúa Cabadiña, a ampliación das beirarrúas desde o Peirao ata a escola infantil e as melloras no exterior da Escola de Alxán e a Escola da Banda de Música.
Investimentos co remanente acumulado
Do mesmo xeito, segundo indicou o alcalde, tamén están previstas varias melloras que se financiarán a cargo do remanente municipal acumulado. A principal é a humanización do Camiño de Santiago ao seu paso por Arcade, pero tamén se inclúen varios asfaltados no rural, investimentos en eficiencia enerxética, unha actuación en Arcade de Riba e a mellora de varios parques infantís, “especialmente o de Tallo Rio, que o renovaremos case por completo”, explicou Reguera.
Por último, neste apartado de actuacións financiadas co remanente do orzamento municipal, tamén se inclúe a reserva de fondos para a adquisición dos terreos para a construción do novo centro de saúde na zona de Salgueirón, que terá unha superficie útil superior aos 1200 metros cadrados.

Publicacións Relacionadas