O sábado e o domingo a tradición volveu ao concello de Soutomaior no que se puido Correr o Entruido e celebrar a procesión do Galo. Foron dous días de intensa actividade onde a música, o baile e as historia do Entruido de Soutomaior estivo moi presente.
Soutomaior, 12 de febreiro. A chuvia non foi quen de parar as gañas de Entruido das veciñas e veciños de Soutomaior. Un Entruido que deu comezo o sábado 10 onde se foi Correr o Entruido con música e cantos polos distintos bares de Soutomaior, onde a xente foi vestida con “roupa vella e a cara tapada” tal e como se facía antigamente neste concello. Unha festa que rematou na Casa do Pobo do Val – Sobral coa actuación da Charanga Trébede, unha xornada onde reinaron o baile e a alegría.
Xa o domingo, o protagonista foi o Galo e a súa procesión, un Galo recreado a través das testemuñas das veciñas e veciños do concello. Unha procesión do Galo que, pese as inclemencias meteorolóxicas, partiu ás 12:00h. da Veiguiña Longa (Comboa) ata chegar ás 14:30 h. a casa do Pobo da Pedreira onde tivo lugar o xantar comunitario “Galo con arroz”.
Xa pola tarde a diversión e a alegría chegaron a Talo Río da man da procesión do Galo e a solta das Quiricas, elas foron as encargadas de animar cos seus bailes e xogos a todos os presentes, houbo xogos de carreira de ovos, de carozos, bailes, cancións tradicionais… ata ás 19:30 h. cando chegou o directo de Uxía Lambona e a Banda Molona, o tempo non acompañou pola tarde pero iso non sen notou na carpa de Talo Río que estivo ateigada desfrutando da música e diversión desta agrupación. Un concerto de preto de hora e media que encheu de divertimento a carpa de Talo Río.
ACTIVIDADES DO ENTRUIDO DE SOUTOMAIOR
Os protagonistas de hoxe no Entruido de Soutomaior serán os máis pequenos e pequenas da casa, coa festa infantil que terá lugar nesta tarde, en Talo Río, de 16:30 h. a 20:30 h. onde as familias poderán desfrutar de múltiples actividades, todo de balde, haberá inchables, obradoiros de globoflexia, de chapa… a diversión estará asegurada.
E mañá martes 13 de febreiro, será a quenda dunha das actividades máis tradicionais coa Foliada do Martes de Entruido. Unha cita onde participarán grandes informantes da nosa contorna pandereteiras de Toutón, de San Vicente, da Hermida, de Regodobargo, de Gargamala…e moitos máis grupos que nos acompañarán para voltar a sentir o noso Entruido coas músicas de raíz coas que tanto gozabamos. Unha cita que terá lugar na carpa de Talo Río de 20:00 h. a 00:00 h. aproximadamente.

