Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, ten claro que “ninguén coma ela foi capaz de internacionalizar tanto a Ostra de Arcade”. Isabel Seoane síntese orgullosa deste galardón “que se lembren de min e é unha marabilla, son a última ostreira da Pedra, despois de 40 anos de traballo”.
Os actos da celebración da XXXVI edición da Festa da Ostra deron comezo esta mañá coa homenaxe a Isabel Seoane Amoedo. Unha muller que durante 40 anos estivo abrindo Ostras de Arcade no Mercado de A Pedra en Vigo. Unha muller que tal e como dixo esta mañá o alcalde foi quen de ”internacionalizar máis que ninguén este produto tan noso”.
Un acto íntimo, por petición expresa da homenaxeada, que tivo lugar no Salón de Plenos e ao que asistiron membros do Goberno Local e familiares de Isabel Seoane. Neste acto fíxose entrega do premios ‘María a das Mil Flores’ que constou dunha placa na que se podía ler en agradecemento por toda unha vida dedicada a poñer en valor a Ostra, levando o nome de Arcade por todo o mundo. E onde tamén se lle fixo entrega dun ramo de flores.
O alcalde lembrou esta mañá que as mans do cartel deste ano da Festa da Ostra son as mans de Isabel Seoane “unhas mans que reflexan décadas de traballo, frío, madrugar, reflexan o sacar adiante a unha familia e reflexan orgullo, unhas mas que tamén reflexan humildade e a unha gran muller que foi quen de construír moito co seu traballo”.
Manu Lourenzo dixo nesta xornada que esta homenaxe é unha pequena aportación do Goberno Local e ten claro que “Arcade está en débeda con Isabel Seoane, unha muller capaz de poñer no mapa mundial a parroquia de Arcade e a súa Ostra”.
Isabel Seoane dixo, pola súa banda, que “recoller este galardón é unha marabilla, unha homenaxe a súa vida, aos 40 anos que traballei no mercado da Pedra en Vigo”. Isabel Seoane lembrou esta mañá que “me levantaba as sete da mañá ou antes e ao comezo iamos no tren dende Arcade ata a Vigo coas ostras de Arcade e con todo para vender o noso produto no Mercado da Pedra”. Preguntada por a que famosos lle vendeu ostras, Isabel Seoane lembrou que lle abriu ostras a “Bertín Osborne, Los del Río, que nos cantaron a Macarena, e moitísimas máis famosas e famosos pasaron polo seu posto na Pedra, viña xente moi importante da política, da cultura”.
José Rodríguez, fillo de Isabel Seoane, tamén dixo nesta xornada, emocionado, o orgulloso que está da súa nai e tamén a alegría que lles da este galardón e homenaxe a toda unha vida lembrou que “agora a xente traballa tapada pero cando miña nai traballaba estaban alí horas e horas e chovíalles por encima, dende as 9 da mañá ata ás 15:00 h. estaban cun mantón e cun paraugas, é un recoñecemento ao seu traballo, a internacionalidade da miña nai é unha realidade porque xa lle teñen dado algunha guía en coreano na que aparece ela”.
PROGRAMACIÓN
Ás 20:00 h. deste venres 5 de abril será a quenda da charanga A CABEZA NON PARA e ás 22:30h. chegará o directo das orquestras MARBELLA e ORIGEN.
O 6 de abril o día comezará con actividade dende ás 11:00 coa actuación da charanga FANFARRIA FURRUXA, ás 12:00 h. abrirán as casetas de degustación da ostra e ás 20:00 h. será a quenda da charanga MEKANICA ROLLING BAND. Posteriormente, ás 22:30 h. actuarán as orquestras AMÉRICA DE VIGO e LA FÓRMULA coa tirada de foguetes de artificio.
O domingo 7 de abril o día comezará ben cediño ás 10:00 da mañá co pasarrúas da BANDA ARTÍSTICA DE ARCADE e BANDA CULTURAL DE ARCADE dende o Calvario ata o Peirao.
Ás 11:00 h. terá lugar a apertura de casetas de degustación, unha hora máis tarde, ás 13:00 h. terá lugar a lectura do pregón a cargo do escritor e profesor MANUEL LOURENZO GONZÁLEZ. Xa pola tarde terá lugar ás 18:30 a actuación musical de ‘Cantanascroas’.

