Soutomaior homenaxeará a Isabel Seoane, a última ostreira de Arcade

adminON
Lectura mínima de 3

O Consello Feminista Municipal de Soutomaior reúnese por primeira vez para dar un maior impulso ás políticas de igualdade do concello

Soutomaior homenaxeará a Isabel Seoane, a última ostreira de Arcade. Así o acordou o Consello Feminista Municipal de Soutomaior, quen se reuniu por primeira vez este mércores tras a súa aprobación en pleno no pasado mes de febreiro. Isabel será recoñecida durante a celebración da Festa da Ostra, no mes de abril. Trátase dun recoñecemento que o Goberno de Soutomaior outorgará de maneira anual a diferentes mulleres que teñan feito durante a súa traxectoria vital e profesional ou fagan actualmente achegas significativas á igualdade en Soutomaior.

Esta primeira reunión do Consello Feminista Municipal de Soutomaior estivo presidida polo alcalde Manu Lourenzo, quen agradeceu a presenza e participación dos grupos políticos representados na corporación municipal e das distintas asociacións municipais que contan coa figura da Vogalía da Muller. O alcalde Manu Lourenzo recoñeceu “o grandísimo e excelente traballo que as nosas técnicas do CIM levan anos a facer e que seguen facendo”.

O rexedor tamén aproveitou a primeira sesión do Consello para presentar ante as asociacións a programación do Concello de Soutomaior para o 8M, baixo o lema ‘Abrindo costuras’, e que comeza hoxe mesmo co obradoiro de bordado ‘Fiando a nosa historia feminista’, impartido pola artista téxtil mexicana Maritza Berttolini. O alcalde Manu Lourenzo reivindicou a María ‘A das Mil Flores’ ou María ‘A Coxa’, principal figura recoñecida na campaña do 8M do Concello de Soutomaior e que precisamente dá nome ao galardón que recibirá a ostreira Isabel Seoane.

Tras a súa intervención, a concelleira de Igualdade, Rosana Martínez, foi quen asumiu a presidencia do Consello Feminista Municipal de Soutomaior, e quen a exercerá durante o resto do mandato. A concelleira Rosana Martínez sinalou que “este organismo servirá para vez para dar un maior impulso ás políticas de igualdade do noso concello, co obxectivo de seguir a escribir as páxinas do futuro feminista que todos e todas queremos para Soutomaior”.

Comparte este artigo