O concello de Soutomaior investiu máis de 160.000 euros, ao abeiro do Plan +Provincia, nesta actuación, que consistiu na adecuación de 800 metros de estrada e o acondicionamento de tres núcleos no tramo da actuación para a súa conversión en pequenas prazas.
Este sábado, 7 de marzo, terá lugar a inauguración da humanización do Val- Sobral, en Soutomaior. Unha cita á que dende o concello convidan a toda a veciñanza e que terá lugar na praza da Chan, no Val-Sobral ás 12:30h.
O proxecto, redactado por Infourban executadas pola empresa Contrucciones Pérez, gañadora da licitación desta obra. contemplou o asfaltado e adecuación dun tramo de estrada de case 800 metros, que van desde a zona da Chan, no Sobral, ata a Chan de Moreira, no acceso ao barrio de Lourido. Ademais deste arranxo e asfaltado, tamén se realizou o acondicionamento de tres núcleos ao longo do tramo da actuación.
Trátase de tres zonas que actualmente funcionan como punto de encontro para a veciñanza do barrio e nas que o Goberno de Soutomaior actuou para a súa conversión en pequenas prazas. Converténdoos, deste xeito, en espazos máis amables e humanizados para a veciñanza.
Para levar a cabo esta actuación, o Goberno de Soutomaior investiu preto de 160.000 euros, ao abeiro do Plan +Provincia da Deputación Provincial. Uns traballos mediante os cales se compren dúas necesitades: por unha banda a mellora na mobilidade do barrio e por outra parte crear espazos públicos que poñan en valor tanto a zona arquitectónica da zona como os elementos patrimoniais.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “estamos ante un proxecto moi importante para o Val-Sobral e para Soutomaior, un proxecto que trae consigo unha importante mellora para o barrio coa recuperación de espazos rurais”. O alcalde tamén sinalou que “os barrios de Soutomaior nunca contaron co nivel de investimento levado a cabo nos últimos 2 anos. A esta obra temos que sumarlle a obra do concello, actualmente en marcha, e tamén outros traballos que se levarán noutros barrios de Soutomaior e que anunciaremos nos vindeiros días”.
O alcalde lembrou que “un dos obxectivos estratéxicos do Goberno de Soutomaior desde o comezo do mandato é levar a cabo a transformación rural e urbana do noso concello para mellorar a vida da veciñanza. Con esta obra imos a converter espazos moi deteriorados en prazas coidadas onde a xente poderá vivir, relacionarse e desfrutar dos marabillosos espazos cos que contamos en Soutomaior”, concluíu Manu Lourenzo.



