O alcalde Manu Lourenzo sinalou que “os resultados do ano anterior poñen de manifesto a gran oportunidade que o programa ‘Novas Sendas’ ofrece aos veciños e veciñas de Soutomaior”
O Concello de Soutomaior lanzou esta semana unha nova edición do programa municipal de formación ‘Novas Sendas’, impulsado por primeira vez en 2024 como instrumento da planificación estratéxica municipal e de desenvolvemento local, no eido socio-formativo-laboral.
O obxectivo do Goberno de Soutomaior con ‘Novas Sendas’ é minimizar os efectos negativos que provoca o desemprego, a falta de cualificación para a adaptación ás necesidades do mercado laboral e a falta de recursos de formación permanente das persoas no contexto do concello de Soutomaior.
Así, nesta segunda edición de ‘Novas Sendas’, o Goberno local ofrece os seguintes cursos: carretas elevadoras, dependente/-a polivalente, manipulación de alimentos, monitor/-a de tempo libre, auxiliar de atención sociosanitaria en domicilios e prevención de drogodependencia para a mediación xuvenil. A inscrición nestes cursos faise na páxina web do concello. Ademais, o Goberno de Soutomaior tamén ofrece un curso de novas tecnoloxías para persoas maiores de 60 anos que se imparte no Local Social para a terceira idade de Arcade. As inscricións para este curso fanse de maneira presencial no propio edificio.
Os resultados do programa na súa primeira edición foron moi positivos, tanto a nivel cuantitativo como cualitativo. Case un centenar de persoas completaron os diferentes cursos ofertados e o alumnado quedou moi satisfeito e valorou a formación recibida como de gran calidade e utilidade porque lles permite completar e mellorar o seu proceso de empregabilidade.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “os resultados do ano anterior poñen de manifesto a gran oportunidade que o programa ‘Novas Sendas’ ofrece aos veciños e veciñas de Soutomaior porque abre unha vía de intermediación que pon en contacto demandantes e empresas con procesos de selección de persoal abertos que conclúen coa contratación das persoas que participan nesta formación”.

