O alcalde Manu Lourenzo sinalou que “esta actuación vai supoñer a maior transformación do barrio na súa historia, e iso indublidablemente vai ser positivo para os veciños e veciñas”.
4 de xullo. Esta semana o Concello de Soutomaior abriu o período de licitación para levar a cabo as obras de reurbanización, mellora e humanización do barrio do Val-Sobral. Unha actuación que vai transformar por completo o núcleo do barrio e que vai supoñer un antes e un despois para a veciñanza do Val-Sobral, mellorando a nivel visual e de mobilidade toda a contorna dos seus fogares.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “esta actuacion é unha nova mostra do compromiso deste Goberno local co coidado e promoción do noso rural. As obras que nos vindeiros meses se van a levar a cabo van supoñer a maior transformación do Val-Sobra na súa historia, e iso indublidablemente vai ser positivo para os veciños e veciñas, que terán un barrio máis amable, máis accesible e no que se poña en valor toda a súa contorna natural e o seu patrimonio arquitectónico”.
O proxecto, redactado por Infourban, contempla o asfaltado e adecuación dun tramo de estrada de case 800 metros, que van desde a zona da Chan, no Sobral, ata a Chan de Moreira, no acceso ao barrio de Lourido. Ademais deste arranxo e asfaltado, o proxecto tamén contempla o acondicionamento de tres núcleos ao longo do tramo da actuación. Trátase de tres zonas que actualmente funcionan como punto de encontro para a veciñanza do barrio e nas que o Goberno de Soutomaior actuará para a súa conversión en pequenas prazas con tráfico máis calmado e mobiliario urbano.
A licitación desta actuación ten un valor de case 130.000 euros e as empresas que estean interesadas en levar a cabo as obras poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 22 de xullo. O obxectivo do Goberno de Soutomaior é que antes do remate deste ano as obras estean listas e a veciñanza desfrute da nova vida do Val-Sobral.
Neste sentido, o alcalde Manu Lourenzo sinalou que “un dos obxectivos estratéxicos do Goberno de Soutomaior desde o comezo do mandato é levar a cabo a transformación rural e urbana do noso concello para mellorar a vida da nosa veciñanza. Nestes dous anos investiuse máis en obras e proxectos na parroquia de Soutomaior que nos últimos lustros, como demostran as actuacións na praza da Pedreira e no campo municipal Graciano Padín; os asfaltados nos distintos barrios; o saneamento nos barrios de Lourido e Cortellas, entre outros; e proxectos coma este do Val-Sobral ou o da Casa do Concello”.