A Cabalgata terá lugar entre as 17:00 e as 18:00 horas e percorrerá parta da rúa do Calvario, a Avenida Xosé Solla e parte da rúa Rosalía de Castro, ata chegar á Alameda de Talo Río.
Soutomaior xa ten todo listo e preparado para recibir a visita dos Reis Magos de Oriente, que durante todo o venres, 5 de xaneiro, percorrerán o noso concello. O día comezará cunha sesión de contacontos infantil e de balde que terá lugar ás 10:30 horas na Casa do Concello. Os Reis chegarán á Casa do Concello ás 11:00 horas da mañá, onde serán recibidos polo alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo.
Contra as 11:30 horas, comezarán un percorrido polos barrios da parroquia de Soutomaior, na seguinte orde: Pedreira (casa do pobo), Romariz (campo de San Benito), Comboa (Veiguiña Longa), Aranza (O Cotiño), Cortellas (A Praza), Moreira (Fonte de San Sebastián), Lourido (Chan de Moreira), Val-Sobral (Prazoleta do Sobral), Rial (na igrexa de Soutomaior), Alxán (Obradoiro Luís Seoane) e A Montesiña (casa do pobo).
Xa pola tarde será a quenda da gran Cabalgata de Reis, que dará inicio ás 17:00 horas na rúa Calvario, onde o cruceiro do Calvario, e percorrerá toda a Avenida Xosé Solla ata chegar á altura da rúa Rosalía de Castro. Ao chegar a este punto a cabalgata dirixirase cara á Alameda de Talo Río, onde a partir das 18:00 horas realizarán a Recepción Real, amenizada cos cantos do Bando de Reis de Arcade de Riba. Tanto as visitas aos barrios como a Cabalgata de Reis contarán cunha colaboración especial do Clube 600 Arcade.
O concelleiro de Seguridade, Diego Moreira, sinalou que de cara a garantir o correcto transcurso da Cabalgata de Reis, adoptaranse unha serie de medidas. Así, desde as 13:00 horas deste venres estará prohibido estacionar en toda a Avenida Xosé Solla. Ademais, o tráfico na Avenida Xosé Solla e en todas as súas vías de acceso quedará cortado entre as 16:45 horas e as 18:00 horas. Ademais, o Concello de Soutomaior fai unha serie de recomendacións para todas aquelas persoas que queiran achegarse nun vehículo ou teñan que desprazarse.
Así, o Concello recomenda que o público asistente estacione nas zonas para aparcar existentes no Peirao, na contorna da estación de tren e xunto ao campo de petanca. Para aquelas persoas que vaian en coche pola estrada de Soutomaior en dirección a Pontevedra, o Concello recoméndalles que atallen pola rúa da Oliveira, sigan pola rúa das Verdellas e vaian dar á rúa Roxelio Landeiro, onde poderán seguir cara a Ponte Sampaio e Pontevedra. Por outra parte, dende o Concello tamén recomendan que, no caso de que sexa inevitable empregar o coche polo centro de Arcade, a veciñanza circule polas rúas do Camiño de Santiago (Lameiriñas, do Velero e Barroncas) ou a N-550.

