Soutomaior prepárase para vivir o final de 2024 cunha programación chea de actividades

adminON
Lectura mínima de 3

A II San Silvestre, o gran Baile de Nadal, a Festa de Fin de Ano de Soutomaior… son só algunhas das propostas que ofrece o Goberno de Soutomaior para desfrutar dos últimos días deste ano.

Todo listo en Soutomaior para vivir os últimos días de 2024 e dar a benvida a 2025, cunha programación chea de actividades para todos os públicos. Desde hoxe mesmo a partir das 17:00 horas co Arcade Fest (un encontro festivo das categorías inferiores do CD Arcade coa veciñanza) e das 21:00 horas co concerto dos Gin Tonic, chegan ao noso concello catro días intensos para vivir e desfrutar ao máximo do Nadal.

Así, o sábado Arcade acollerá a segunda edición da San Silvestre de Soutomaior. Tras o gran éxito da I San Silvestre, que reuniu a máis de 1.000 persoas en Arcade entre participantes na carreira popular e espectadores, esta segunda edición demostra que a San Silvestre chegou a Soutomaior para quedar, consolidando e aumentando o número de persoas que a partir das 17:00 horas percorrerán algunhas das principais rúas do centro urbano de Arcade.

Xa o domingo será a quenda do gran Baile de Nadal de Soutomaior, unha das principais novidades da programación de Nadal no concello. Amenizado polo Trío Azabache, as persoas maiores de 65 anos poderán desfrutar por primeira vez dun baile de Nadal organizado polo Concello. Este terá lugar a partir das 18:00 horas na casa do pobo do Val-Sobral e as persoas asistentes recibirán un cotillón de balde. Ademais, tamén haberá chocolatada gratis.

Por último, o día de Fin de Ano, 31 de decembro, haberá cita dobre na carpa da Alameda de Talo Río. Pola tarde, a partir das 17:30 horas, os pequenos e pequenas da casa poderán desfrutar do espectáculo ‘Prebadaladas’ do gran Peter Punk. E xa despois de tomar as uvas, a partir das 00:45 horas da noite, Yaya DJ será a encargada de poñer a música na Festa de Fin de Ano de Soutomaior. Ao igual que durante todo o Nadal, na Festa de Fin de Ano a carpa estará climatizada, haberá roupeiro e moitas outras sorpresas que, para descubrilas, haberá que asistir á festa.

Comparte este artigo