HomePontevedraSoutomaior presenta un Fin de Ano para todos os públicos

Soutomaior presenta un Fin de Ano para todos os públicos

- Anuncio -spot_img

As actividades comezarán o domingo 28 de decembro co baile de maiores, continuarán o día 31 co espectáculo “A bailar para rematar o ano” de AnimaT para finalizar a noite de fin de ano cunha gran festa amenizada por “Trío Tic Tac” e “La Yaya” DJ.

O concello de Soutomaior xa ten en marcha un fin de ano para que todas as persoas poidan despedir e VIVIR o fin de ano dende Soutomaior.

A primeira destas citas terá lugar o domingo 28 de decembro co Baile de Nadal para os maiores de 65 anos. Un baile que estará amenizado polo “Dúo Visión” e que se desenvolverá na Casa do Pobo do Val Sobral. Este baile será totalmente gratuíto e contará con cotillón e cholocatada. Para esta cita o concello porá, tamén de balde, a disposición das e dos veciños buses lanzadeira dende Arcade e pasando polos barrios de Soutomaior para chegar ao lugar da celebración que será, como xa dixemos, a Casa do Pobo do Val Sobral. As persoas interesadas en asistir o único que terá que facer é inscribirse en liña en: https://soutomaior.gal/produto/baile-de-nadal65-anos . As inscricións xa está abertas e poderán facerse ata o 22 de decembro ás 14:00h. Para facilitar dita inscrición as persoas que o desexen contarán con axuda nas Oficinas Xerais do Concello, en Soutomaior, e nos Servizos Sociais no Centro de Benestar Integrado (Multiúsos), en Arcade en horario de 9:00 a 14:00h.

Dende o concello animan a todas as persoas maiores de 65 anos a asistir a este Baile, unha festa para que os nosos maiores poidan VIVIR un final de ano como se merece.

Tras esta celebración chegará a quenda das e dos máis peques, para elas e eles a cita estará centrada no propio día de fin de ano, o 31 de decembro, co espectáculo de “A bailar para rematar o ano” de AnimaT. Un evento que se desenvolverá na carpa de Nadal instalada na Alameda de Talo Río en horario de 17:30 a 19:00h. Un espectáculo destinado ao público familiar e onde as e os peques rematarán o ano cun grande divertimento e con baile asegurado.

E para rematar, chegará a GRAN FESTA de FIN DE ANO, que terá lugar na noite do día 31 de decembro na carpa de Nadal instalada na Alameda de Talo Río. Unha cita que será totalmente DE BALDE e que estará protagonizada polo “Trío Tic Tac” e, un ano máis, estará en Soutomaior  “LA YAYA” DJ, que será quen de poñer a bailar a todos os públicos que se acheguen a celebrar e VIVIR este fin de ano en Soutomaior. Unha festa que contará cunha carpa climatizada, roupeiro, cotillón, e moito máis… Unha celebración que dará comezo a partir das 00:45h.

Un Nadal para o desfrute de todas as persoas. Podedes informarvos de toda a programación deste Nadal en: https://soutomaior.gal/axenda/

A vindeira cita deste programa será este venres, 12 de decdembro, coa charla coloquio con Lidia Mariño ‘AS TRADICIÓNS GALEGAS DE NADAL’ ás 20:00h. no Multiúsos (entrada de balde ata completar o aforo), o sábado 13 chegará o I Encontro Inclusivo neste Nadal de Soutomaior e o domingo 14 o II Mercado de Oportunidades e de Segunda Man.

Dende o concello convidan a todo o mundo a VIVIR O NADAL EN SOUTOMAIOR.

Publicacións Relacionadas