Ademais da decena de traballadores cos que xa conta actualmente o Concello de Soutomaior nas rúas, nas vindeiras semanas iniciará a contratación doutra docena de persoas, coas que a cuadrilla de obras e lmantemento municipal superará as 25 persoas.
O Goberno de Soutomaior reforzará e intensificará nestas vindeiras semanas o operativo de limpeza dos camiños e estradas nos barrios do concello. Un operativo que xa se está a levar desde hai días e que chegou xa ás vías principais e que pouco a pouco irá chegando ao resto de zonas do concello.
Neste sentido, o Goberno de Soutomaior anunciou que nas vindeiras semanas ampliará a cuadrilla de mantementos e obras municipal, que consta actualmente de case unha quincena de persoas. Así, iniciará o proceso de contratación doutras doce persoas máis que se incorporarán para realizar labores e tarefas de desbroce e mantemento de todas as vías do concello. Ademais, tamén se empregará maquinaria mecanizada para limpar as cunetas e avanzar o máximo posible na limpeza das vías.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “traballamos para que o concello poida estar na mellor das condicións posibles e por iso apostamos por facer un esforzo na contratación de persoal para que, en Soutomaior, teñamos máis persoas que nunca na limpeza, desbroce e mantemento. É unha aposta que traerá unha mellora importante e que nos axudará a mellorar no control da maleza que con estas condicións meteorolóxicas e velocidade de crecemento, sabemos que non é unha tarefa doada pola velocidade de crecemento da maleza”.
Neste sentido, o alcalde anunciou que “imos levar a cabo como mínimo dous desbroces por cada barrio para que estean nunhas condicións de limpeza axeitadas. Somos conscientes de que non se pode estar en todos os lados á vez e por iso lle pedimos comprensión aos veciños e veciñas, pero pouco a pouco imos chegar a todas as zonas do noso concello para que estean limpas”.
Neste sentido, o alcalde de Soutomaior agradeceu o traballo de todos os operarios e operarias municipais e sinalou o importante esforzo levado a cabo polo Goberno local para que este ano o operativo de limpeza conste de máis de 25 persoas e conte cos maiores recursos posibles para efectuar o operativo de limpeza.