Soutomaior sancionará ás persoas que non recollen os excrementos das súas mascotas

adminON
Lectura mínima de 2

Na ordenanza de limpeza e civismo na que traballa o Goberno Local contémplanse sancións que irán entre 600 e 800 euros a aqueles usuarios e usurarias que non recollan os excrementos das súas mascotas.

Soutomaior loita contra a falta de civismo de usuarios e usuarias que non recollen os excrementos das súas mascotas. Detectados que hai problemas en varias rúas do concello o Goberno Local traballa nunha ordenanza na que sancionará esta e outras conductas incívicas.

Nos últimos tempos o Goberno Local ten detectado actitudes incívicas como que non se limpen os excrementos das mascotas ou que os operarios de limpeza detecten inxentes cantidades de cabichas nas beirarrúas e zonas de ocio do concello.

Ademais o Goberno Local tamén levará a cabo unha campaña de sensibilización para as e os máis novos co fin de sensibilizalos coa reciclaxe e cun uso adecuado das papeleiras xa que tamén se detectou a falta de información e sensibilización nesta materia neste sector da sociedade.
Dende o Goberno Local están traballando no procedemento de sanción e xa dende este momento pídeselle á Policía Local especial atención a actos incívicos como os excrementos caninos, tirar cabichas ao chan ou que se verta lixo fora da papeleira e colectores.

Neste senso, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo sinalou que “a inmensa maioría da veciñanza de Soutomaior actúa cun civismo e respecto exemplares, non podemos deixar que os actos incívicos dunha minoría lixen a imaxe e ás rúas do noso concello”. Ao que o rexedor engadiu que “non é admisible que porque unha persoa non recolla os excrementos da súa mascota, outra persoa que, por exemplo, vaia en cadeira de rodas teña que soportar esta situación. Ou que persoas que teñen vivendas e negocios teñan que atoparse día tras día con excrementos nas súas portas. Non imos permanecer de lado nesta situación, e por iso traballaremos nunha ordenanza para fomentar o respecto e a limpeza do noso concello”.

Comparte este artigo