A xerente de “Chan Empresarial do Atlántico” (SEXA), Beatriz Sestayo, abordou co alcalde da Guarda, Antonio Lomba, as posibilidades de impulso do polígono, nunha área supramunicipal que implicaría tamén ao Rosal
Beatriz Sestayo informou que “SEXA” xa dispón dun proxecto sectorial e dunha parte dos terreos necesarios, adquiridos cando se expuxo a área empresarial en 2004
“Chan Empresarial do Atlántico” realizará a actualización do proxecto sectorial e unha taxación do prezo do chan, para concretar se o parque empresarial é viable
“Suelo Empresarial del Atlántico” (SEXA), organismo dependente do Ministerio de Transportes a través de Sepes, analizou co Concello da Guarda a posibilidade de retomar o estudo e análise dun posible polígono supramunicipal que atraia actividade económica xeradora de emprego da zona sur de Galicia e do norte de Portugal.
Así o expuxo a xerente de SEXA, Beatriz Sestayo, na reunión telemática que mantivo co alcalde da Guarda, Antonio Lomba. De forma concreta, a xerente e o rexedor da Guarda acordaron que SEXA iniciará a análise e o estudo dun posible polígono compartido entre A Guarda e O Rosal, que podería contar cunha superficie superior aos 270.000 metros cadrados.
“É un sitio que, de ser viable economicamente, é moi interesante desde o punto de vista económico e industrial, xa que podería atraer proxectos xeradores de emprego tanto do sur de Galicia como do norte de Portugal”, destacou Beatriz Sestayo.
O proxecto expúxose en 2004 pero quedou en suspenso posteriormente. A pesar disto, SEXA posúe en propiedade dunha bolsa de chan con parte dos terreos necesarios para o desenvolvemento deste polígono e xa conta co proxecto sectorial.
Por iso, Beatriz Sestayo comprometeuse co alcalde para estudar a posibilidade de acometer este proxecto para o que, en primeiro lugar, recuperouse xa o proxecto sectorial e SEXA vai proceder á súa actualización. En paralelo, realizarase unha taxación do prezo do chan co que conta a entidade.
Beatriz Sestayo tamén acordou con Antonio Lomba que, unha vez que se analicen os posibles custos, realizará unha visita á Guarda nas próximas semanas para abordar de forma persoal as posibilidades do proxecto.
Antonio Lomba, pola súa banda, puxo en valor a zona estratéxica na que se situaría o parque empresarial, aínda que lamentou o atraso da Autovía Tui-A Guarda.
“Levamos case 20 anos perdendo oportunidades de implantación de empresas na comarca do Baixo Miño por causa de non dispoñer de chan empresarial e polo atraso na construción da Autovía Tui-A Guarda. Ter unha comarca ben comunicada e dispoñer de chan empresarial son elementos estratéxicos para o desenvolvemento futuro esta comarca transfronteiriza”, explicou o rexedor.
“Suelo Empresarial del Atlántico”
“Suelo Empresarial del Atlántico”, S.L., S. M.E., é unha sociedade que está participada nun 83,44% polo Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, a través de Sepes; nun 15,91% pola Xunta de Galicia, e nun 1,65% por ABANCA e creada co obxectivo de desenvolver e comercializar parques empresariais en Galicia.
“Chan Empresarial do Atlántico” xestiona 13 parques empresariais en Galicia, que suman máis de 4 millóns de metros cadrados, situados nas provincias de Lugo --Monforte de Lemos, Mondoñedo, Chantada e Rábade—, da Coruña –Malpica, Vimianzo, Cee, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Muros e Rianxo— e de Pontevedra –Vilanova de Arousa e Catoira-.