Xoán Reices: “O alcalde Gonzalo Louzao quere converter a veciñanza do rural no camión do lixo do concello”
A formación nacionalista propón o impulso da compostaxe e a extensión da reciclaxe a todos os núcleos como alternativa ao modelo de recortes do PP.
O BNG da Estrada amosou hoxe o seu rexeitamento frontal á intención do goberno municipal de Gonzalo Louzao (PP) de implantar “illas de contedores” no rural. Esta medida suporía a retirada dos colectores actuais de cada aldea para concentralos nun único punto da parroquia, obrigando á veciñanza a desprazarse longas distancias para depositar os seus residuos.
Un recorte disfrazado de mellora
Para o portavoz municipal do BNG, Xoán Reices, a estratexia do PP non responde a criterios de eficiencia nin de ecoloxía: “O goberno do PP non quere mellorar o servizo, o único que busca é aforrar cartos recortando en dereitos básicos. É inadmisible que nun concello cunha dispersión xeográfica como a nosa, o alcalde pretenda que a veciñanza teña que converterse no camión do lixo do Concello”.
Discriminación e dificultades para os maiores
O BNG advirte de que esta medida é profundamente antisocial e prexudica especialmente ás persoas de idade avanzada ou con problemas de mobilidade. “A realidade que propón o PP é que os veciños e veciñas teñan que meter as bolsas do lixo no coche para poder reciclar. E que vai pasar con quen non ten coche ou non pode conducir? O PP está a abandonar á súa sorte á xente do noso rural”, denuncia Reices.
A formación nacionalista critica que, mentres o goberno de Gonzalo Louzao presume de foto-call, degrada os servizos públicos nas parroquias mentres a presión fiscal sobre os residentes do rural non diminúe.
As propostas do BNG: Proximidade e sustentabilidade
Fronte ao modelo de “illas” e recortes do PP, o BNG da Estrada defende un sistema que facilite a vida á veciñanza e cumpra cos obxectivos medioambientais:
- Impulso real á compostaxe: Apostar pola compostaxe doméstica e comunitaria como vía principal para reducir o volume de residuos orgánicos no rural.
- Reciclaxe en cada aldea: Garantir que todos os núcleos teñan acceso a contedores de vidro, papel e plástico, en lugar de centralizalos e dificultar a separación.
- Mantemento do servizo de proximidade: O lixo debe recollerse onde vive a xente, non a quilómetros de distancia.
“Esiximos ao alcalde que dea marcha atrás neste plan. O rural da Estrada merece servizos de calidade e respecto, non que se lle trate como veciñanza de segunda para cadrar as contas do Concello”, concluíu Xoán Reices.



