Cada un destes clubs, de todo tipo de disciplinas deportivas recibe un máximo de 3.000 euros para financiar diferentes gastos
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, confirmou que a Xunta de Goberno deu luz verde ao reparto de preto de 50.000 euros entre 48 clubs deportivos de oito concellos da contorna de Pontevedra que participan en competicións federadas de ámbito inferior ao estatal. “Somos a provincia do deporte, e para seguir séndoo temos a obriga de apoiar aos nosos deportistas e clubs, que levan con orgullo o nome da nosa provincia alá onde compiten”, asegurou López.
Cada un destes clubs recibe un máximo de 3.000 euros e son de todo tipo de disciplinas deportivas: fútbol, balonmán, ciclismo, padel, rugby, artes marciais, atletismo, montañismo, caza, esgrima, boxeo ou, entre outros, patinaxe. As axudas permitiranlle sufragar gastos federativos, de competición e adestramento, de persoal, de material deportivo ou gastos sanitarios. En total, no conxunto da provincia distribuíronse un total de 600.000 euros.
No que respecta ás comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, benefícianse destas axudas 17 clubs da Estrada que reciben un total de 17.386 €, tres de Agolada con 2.194 €, un de Cerdedo-Cotobade que percibe 775 €, outro de Dozón 684 €, 15 de Lalín que se benefician de 15.365 €, un de Rodeiro de 930 €, cinco de Silleda de 4.668 € e outros cinco de Vila de Cruces reciben 5.722 €.