Xoán Reices: “A situación dos dous viais é xa intransitábel; tanto o que vai desde Frades como o que vai desde Santa Mariña de Barcala están nunha situación lamentábel
Desde o BNG da Estrada non é a primeira que solicitan ao concello da Estrada o arranxo dos dous viais que dan acceso ao lugar de Requián, na parroquia de Frades. “Hai meses xa que o levamos a pleno en varias ocasións”, explicou o concelleiro do BNG, Xoán Reices. “Porén a situación dos dous viais é xa intransitábel; tanto o que vai desde Frades como o que vai desde Santa Mariña de Barcala están nunha situación lamentábel”.
O concelleiro do BNG, Xoán Reices, explica que “o alcalde ten que deixarse de boas palabras e de enganar aos veciños e veciñas, xa que no seu día indicou que estes dous viais estaban entre as prioridades do goberno, sen embargo está claro que non é certo, porque a pesar dos remendos que se lle fixo a un dos viais (o de Frades) a situación non fixo outro cousa que empeorar”, afirma.
Desde o BNG da Estrada instan ao goberno a poñer enriba da mesa “unha data críbel para acometer esta obra tan necesaria para os veciños e veciñas de Requián”. “Xa abonda de promesas e de palabras baleiras”, afirma o concelleiro do BNG, Xoán Reices.
Por outra parte, o concelleiro nacionalista engadiu que “a situación deste vial é un exemplo da situación de moitos viais municipais do noso concello, que só se acorda de renovar o firme nalgúns deles cando veñen as eleccións municipais, e o problema é que aínda estamos lonxe desa convocatoria electoral”. Xoán Reices insta ao alcalde a moverse para reclamar das institucións competentes o arranxo dos viais do noso concello, xa que “a situación das infraestruturas do noso concello é lamentábel en xeral, aí está a situación da N-640, da que vai a Pontecesures, etc, etc.”