O deputado nacionalista Luís Bará levará ao parlamento a desprotección dos concellos que debería cubrir este Grupo de Emerxencias Supramunicipal: Moraña, Campo Lameiro, Cuntis, Caldas de Reis, Portas, Catoira e Barro.
O BNG rexistrou por medio do deputado Luís Bará unha batería de iniciativas parlamentares denunciando que o Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Moraña ainda non se puxo en funcionamento cinco anos despois de ser anunciado, o que deixa nunha grave situación de desprotección os concellos aos que debería darlle cobertura.
Bará lembra na iniciativa presentada que “no mes de febreiro de 2020 a Comisión de Seguimento dos GES acordou crear un GES en Moraña para dar cobertura á comarca do Ulla Umia. Esta decisión tomouse logo do desmantelamento do GES de Valga (polos conflitos laborais e a renuncia deste Concello), e levou a unha reestruturación territorial da cobertura dos grupos con base en Padrón, A Estrada e entre o Ulla e o Umia”.
Segundo dixo daquela o Director Xeral de Emerxencias, a nova ubicación ía supoñer “unha mellora na atención, non só nos concellos nos que anteriormente se prestaba senón na totalidade da zona”. Cos cambios anunciados en 2020, o GES de Moraña (Ulla-Umia) daríalle cobertura aos concellos de Moraña, Campo Lameiro, Cuntis, Caldas de Reis, Portas, Catoira e Barro.
No mes de novembro de 2021 anunciouse a convocatoria das 12 prazas e posteriormente fíxose pública a listaxe de 21 persoas que superaron o segundo exercicio do proceso selectivo. Mais a día de hoxe, transcorridos mais de tres anos ainda non se puxo en marcha o GES de Moraña. No mes de xuño de 2022 a Xunta fixo entrega ao inexistente GES de Moraña dun vehículo Bomba Urbana Lixeira (BUL) valorado en 150.000 euros, que leva todo este tempo nunha nave e non se coñece que fose utilizado. O cal constitúe un exercicio de propaganda e un dispendio de fondos públicos.
O deputado nacionalista Luís Bará denuncia que “Malia todos os anuncios e investimentos, a realidade é que a estas alturas o GES de Moraña ainda non está en funcionamento, polo que existe unha clara responsabilidade na desprotección do territorio e das persoas dos concellos aos que daría cobertura este grupo de emerxencias”.
Tendo en conta esta situación, o BNG rexistrou preguntas e unha proposición non de lei no parlamento e desenvolverá no territorio unha campaña para demandar á Xunta e ao concello de Moraña a posta en marcha deste grupo de emerxencias, así como outras medidas encamiñadas a dar unha boa cobertura ás emerxencias nos concellos do interior da provincia de Pontevedra que non están ben atendidos.