Xoán Reices: “Algunhas das medidas do goberno propúxoas o BNG en 2018 e 2024, e as dúas veces foron vetadas polo mesmo partido que agora as propón
Desde o grupo municipal do BNG parabenizan ao goberno municipal por empezar a actuar en materia de vivenda. “É positivo que se recoñeza que hai que intervir e que se asuma que os problemas non se solucionan sós”, afirma o concelleiro do BNG, Xoán Reices.
O concelleiro nacionalista explica que desde o BNG “concordan con varias das medidas presentadas desde o goberno pero din estar sorprendidos, xa que moitas destas propostas foron presentadas polo BNG en 2018 e 2024 e as dúas veces foron vetadas polo mesmo partido que agora as propón”. “O que está claro é que cando nos copian acertan”, afirma Reices.
“Sen embargo, aínda que o goberno municipal propón a realización dun censo de vivendas baleiras”, explica Reices, “o goberno municipal debería agardar a coñecer exactamente o estado real da situación da vivenda para poñer enriba da mesa as solucións, xa que, ao noso entender, non hai máis que dar un paseo pola vila para ver a inmensa cantidade de pisos e edificios completamente baleiros”.
Falta de concreción
“Así é que desde a perspectiva do BNG”, indica Reices, “as axudas propostas poden ser a solución para un par de pisos ou casas, pero un propietario privado non vai poder acometer a reforma que precisa un edificio enteiro dos moitos que hai baleiros no casco urbano. E iso agardando que non sexa precisa a coordinación de varios propietarios”.
O BNG tamén pon o acento nas liñas de microcréditos e créditos brandos cas entidades financeiras. Segundo explica Reices, “a proposta non deixa de ser un mero enunciado sen nada concreto, pura propaganda, xa que se o concello só é un medio intermediario ningún propietario necesita un acompañante para ir un banco a pedir un crédito”.
Falta de ambición
Por outra parte o concelleiro do BNG tamén puxo o acento na nula mención ao PXOM. “Para o BNG calquera política de vivenda seria ten que contar co Plan Xeral, algo que nin se contempla nas propostas do goberno municipal do PP”, afirma Reices. “Neste sentido, explica, “cremos que hai que activar o PXOM, emprendendo as modificacións precisas para obter solo público para a construción de vivenda social, así como facilitar a edificabilidade en réxime de autopromoción, tanto no casco urbano como no rural.”
En resumo, “As propostas parécennos que apuntan non bo camiño. Aínda así, haberá que vixiar que o que se diga se cumpra e que non tarden dez anos en facelo” indica Reices, lembrando que “o goberno local xa anunciara a realización dun censo de vivendas baleiras para conformar unha bolsa de alugueiro social en xullo de 2016 e nada fixo”.