Talleres participativos este domingo en Oia para celebrar os Días Europeos da Artesanía

Redacción
Lectura mínima de 2

Oia súmase este domingo á celebración dos Días Europeos da Artesanía cunha xornada especial de talleres participativos que terá lugar no edificio do Mercado Municipal, recentemente rehabilitado. Baixo o título “Artesanía na Praza”, a actividade ofrecerá unha mañá chea de creatividade e descubrimento arredor dos oficios artesanais.

Os Días Europeos da Artesanía, que este ano se celebran entre o 7 e o 12 de abril, teñen como obxectivo achegar ao público o traballo das persoas artesás e poñer en valor a riqueza dos oficios tradicionais e contemporáneos a través de actividades abertas e participativas. En Oia a programación desenvolverase este 12 de abril en horario de 10.00 a 14.00 horas no edificio da Praza de Abastos, situado ao carón da Estrada PO-552 ao seu paso pola parroquia de Santa María de Oia. Durante a xornada, de libre acceso para o público, instalaranse cinco obradoiros demostrativos e participativos nos que diversos profesionais compartirán coas persoas asistentes os seus procesos creativos, técnicas e saberes.

A través desta experiencia, as persoas asistentes poderán coñecer de preto e interactuar con artesáns e artesás de diferentes disciplinas: cerámica, da man de Fátima Beamonte (Lucky’s Bakes); xoiería, con Fe González (areladefe); traballo en coiro, con Ana Serra (Medialúa); tecido en lá, con Anahí (Liño e Lá); e torno en madeira, con Aitor Martínez (Aitor Punto).

“Artesanía na Praza” é unha iniciativa coordinada por Fe González (areladefe) e conta co apoio da Fundación Artesanía de Galicia, a Xunta e o Concello de Oia, entidades que achegan diversos recursos que fan posible a realización da actividade.

O Concello de Oia anima á veciñanza a achegarse ao mercado este domingo para participar nesta xornada aberta, que permitirá descubrir de primeira man o talento, a creatividade e o valor dos oficios artesanais.

Comparte este artigo