O concello de Mos pon en marcha o programa “Cultiva a mente” en colaboración coa asociación AFAGA.
Un total de 160 participantes inicialmente beneficiaranse desta iniciativa, un número que poderá ser ampliado si resulta necesario.
O programa “Cultiva a Mente”, xestionado pola asociación AFAGA Alzheimer, volve a Mos, neste caso coa gran novidade de que será impartido de xeito gratuíto en todas as parroquias do municipio.
Esta mañá presentouse o programa coa asistencia da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a Concelleira de Política Social Sara Cebreiro, Juan Carlos Rodríguez, presidente de AFAGA Alzheimer, e representantes de cada unha das asociacións das parroquias onde se impartirán os cursos.
Este ano o programa, que se impartirá entre os meses de febreiro e xuño, contará con 10 grupos de 16 persoas, ampliables en caso de maior demanda. Está dirixido a persoas maiores de 55 anos que desexen previr o deterioro cognitivo. Os talleres realizaranse nos locais veciñais ou culturais das parroquias en diferentes días e horarios, de tal xeito que todas as persoas poidan participar.
Para apuntarse ou solicitar máis información as persoas interesadas poden chamar ao 986 229 797 – 621 665 799, escribir a psico.paulamos@afaga.com, ou en calquera das asociacións nas que se impartirán, que son: A.V. San Martín de Tameiga, C.C. Torroso, A.V. Ledicia de Sanquiñeda, A Cividade de Louredo, C.C. de Guizán, A.V. de Dornelas, A.C. Herville de Cela, Nosa Terra de Pereiras, Fundación Pazo de Mos e na A.V de Petelos.
Está demostrado científicamente que os coidados tanto físicos coma mentais proporcionan benestar e calidade de vida que pode prolongarse durante anos, así como que as persoas adultas e maiores poden ser axentes activos na prevención de enfermidades dexenerativas.
Ademais, o mantemento de actividades sociais e a independencia na vida cotiá son obxectivos que entran nos proxectos de vida dos adultos maiores.
Por isto o Concello de Mos ten como prioridade elaborar e adaptar espazos, programas e solucións dirixidas ás súas necesidades e que estean na súa contorna. Ante a necesidade de atender as demandas relacionadas coa saúde, é notable que cada vez máis lugares de lecer público e socio comunitarios inclúan áreas dedicadas ao exercicio físico e mental.
Os obxectivos que persigue este programa son:
– Reforzar e exercitar as capacidades cognitivas, como a memoria, a atención ou a linguaxe.
– Previr posibles patoloxías.
– Socializar e mellorar o estado emocional dos pacientes.
– En definitiva, mellorar a calidade de vida promovendo un envellecemento activo.
Na presentación do programa a alcaldesa Nidia Arévalo animaba a toda a poboación de Mos a formar parte deste programa segura de que poderá ofrecer innumerables beneficios sociais e persoais.

