A recoñecida compañía Tanxarina chega a Mos o domingo 16 de novembro ás 18:00 horas, ao Centro Dotacional de Torroso, para representar a súa montaxe “A biblioteca galáctica contra a IA fantástica”, dentro da programación municipal de ocio en familia.
Trátase dunha disparatada e trepidante comedia de aventuras, chea de cancións, ritmo e moito humor, que combina teatro e monicreques coa creatividade e a mestría que caracterizan a Tanxarina.
A obra é unha adaptación teatral da novela de Carlos Labraña, editada pola Editorial Galaxia, e convértese nunha homenaxe á amizade, aos libros e á palabra escrita, fronte a unha intelixencia artificial que pretende acabar coa imaxinación e a fantasía. Un espectáculo que invita a rir, reflexionar e gozar do poder da lectura. De feito, o día da representación entregaráselle un exemplar do libro de Carlos Labraña a cada uno dos nenos e nenas asistentes. Dito libro está recomendado para lectores e lectoras de 7 a 12 anos, mentres que o espectáculo adáptase a un público a partir de 3 anos.
Nesta ocasión, Tanxarina Teatro e o dramaturgo Carlos Labraña unen as súas forzas para levar ao escenario un divertido espectáculo de marionetas protagonizado por algún dos personaxes máis senlleiros da literatura infantil galega.
Este esforzo conxunto de Tanxarina e Carlos Labraña nace por encargo da Editorial Galaxia para celebrar o 75 aniversario no ano 2025. Un agasallo para que os rapaces e rapazas recuperen o gozo da lectura e os soños e as experiencias que nacen dela.
A actividade forma parte da programación de ocio en familia promovida pola Concellería de Política Social, Educación e Participación Cidadá do Concello de Mos, que busca ofrecer propostas culturais para gozar en familia e fomentar o tempo de lecer compartido, a educación en valores e o acceso igualitario á cultura.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, subliña que “Tanxarina é sinónimo de maxia, creatividade e ilusión. É un privilexio poder contar cunha compañía desta traxectoria dentro dun programa tan querido polas familias mosenses como “Ocio en Familia”, que promove cultura, convivencia e aprendizaxe compartida”.
A entrada será libre e gratuíta ata completar aforo.

 
                                    

