A Agrupación Musical do Rosal conmemora este día cun concerto este sábado 23 coa colaboración especial do pianista Javier Ares e homenaxe a Antonio Granja e Suso González
Ás 19.00 h no auditorio municipal con entrada de balde
O Rosal prepárase para vivir unha xornada especial para conmemorar Santa Icía, patroa dos músicos. A Agrupación Musical do Rosal prepara para este sábado 23 de novembro un espectacular concerto que encherá o auditorio municipal de emoción e talento para celebrar unha das citas máis agardadas do ano.
Baixo a batuta de Javier Alonso, o concerto contará cun programa excepcional que inclúe a benvida aos novos membros da banda, que debutarán nunha tarde repleta de grandes momentos. Nesta ocasión, a Agrupación contará ademais coa colaboración especial do pianista Javier Ares, catedrático no Conservatorio Superior de Música da Coruña, que achegará a súa mestría cunha actuación que promete ser inesquecible.
Outro dos momentos destacados será a homenaxe a Antonio Granja e Suso González, figuras clave na Agrupación Musical do Rosal, cunha dedicación e legado que deixaron unha fonda pegada na comunidade musical rosaleira. A Agrupación aproveitará o concerto de Santa Icía para compartir ademais co público a ledicia do primeiro premio acadado recentemente no Certame Galego de Bandas.
O concerto comezará ás 19.00 horas e terá entrada de balde. Dende o Concello convídase a toda a veciñanza a gozar dunha tarde única de música, recoñecemento e celebración, consolidando así o concerto de Santa Icía como unha cita imprescindible no calendario cultural do Rosal.