A compañía da Asociación Cultural Xuntanza de Randufe chega ao auditorio este domingo 10 ás 19.00 h con esta interesante obra
O auditorio municipal do Rosal transformarase nun escenario cheo de paixón, intriga, risas e reflexións coa posta en escena do espectáculo ‘Don Juan’, unha revisión axeitada, moderna e definitiva da man de Chirlomirlo Teatro.
Este domingo 10 de novembro, ás 19.00 horas, a compañía teatral da Asociación Cultural Xuntanza de Randufe ofrecerá de balde ao público unha experiencia de lecer inesquecible cunha trama que promete entreter reinterpretando con frescura a historia do lendario sedutor, atrapando ás e aos asistentes dende o primeiro momento.
Baixo a dirección de Areta Bolado coa colaboración de Ailén Kendelman, dúas figuras relevantes do teatro con premios María Casares, e con decorados do ilustrador rosaleiro Xosé Tomás, son moitas as persoas que colaboraron e investiron o seu tempo en sacar adiante esta obra de teatro que trata “a semellante personaxe da cultura popular con seriedade e rigor”, como destacan dende a compañía.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, anima a toda a veciñanza a acudir ao teatro este domingo e “desfrutar da calidade sobre o escenario desta compañía que leva anos promovendo a cultura e o teatro. É importante apoiar o talento local e ás asociacións que enriquecen o tecido social e cultural do Rosal e da comarca, a súa dedicación e traballo merecen toda a nosa admiración e apoio”.