HomePontevedraO SalnésTelmo Martín agrava o problema crónico de falta de estacionamento suprimido preto...

Telmo Martín agrava o problema crónico de falta de estacionamento suprimido preto de 100 prazas libres en Sanxenxo e Portonovo

- Anuncio -spot_img

Ás prazas eliminadas por mor da polémica reforma no Mirador da Peixeira hai que engadir a implantación de período limitado de estacionamento en Rafael Picó, O Espiñeiro e na Florida, medida que colleu por sorpresa á veciñanza

Os nacionalistas acusan ao alcalde de non atopar solucións e de actuar con absoluta falta de transparencia e escurantismo, nunha nova proba da nefasta xestión da política de formigón do Partido Popular

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo denuncia, unha vez máis, a situación de colapso absoluto que o alcalde, Telmo Martín, e o Goberno do Partido Popular están a acentuar coa supresión de prazas de estacionamento. Lonxe de buscar solución para paliar a acuciante falta de espacios para estacionar, o señor Martín afonda no problema coa supresión de preto dun cento de prazas nos núcleos de Portonovo e Sanxenxo. “Por desgraza, os esforzos do Partido Popular non van dirixidos a dar resposta ás necesidades da veciñanza, senón a subir impostos e encher de cemento a contorna de Silgar”, critican os nacionalistas.

Se xa en veráns anteriores os problemas para estacionar foron unha constante, ás portas da nova tempada estival a situación vaise agravar de xeito preocupante, logo de que o Goberno local decidise limitar o espazo de estacionamento na Florida, nas inmediacións do colexio, así como na rúa Rafael Picó e nas proximidades do parque do Espiñeiro, en Portonovo. Unha medida que, segundo traslada a veciñanza ao grupo nacionalista, non foi advertida nin notificada de xeito previo. “Esta é unha proba máis da falta de transparencia e do absoluto escurantismo co que traballa o señor Martín”, lamenta o voceiro do grupo da oposición, Fran Leiro. Nos últimos días, moitos residentes das devanditas rúas en Portonovo advirten do incremento de multas.
“Redúcese o estacionamento e non se lle dá ningún tipo de alternativa nin aos veciños e veciñas nin ás persoas que precisan dos seus vehículos particulares para desprazarse para ir a traballar. Se antes atopar un lugar no que aparcar no verán era moi difícil, agora en Sanxenxo e Portonovo vai resultar pouco menos ca unha quimera”, critica o Bloque. No caso de Portonovo, este problema agrávase pola eliminación de máis de 40 prazas nas inmediacións de Caneliñas, como consecuencia da reforma efectuada na contorna do Mirador da Peixeira.

Unha obra que, tal e como lembran desde o Bloque, foi levada a cabo polo alcalde facendo caso omiso das queixas de moitos veciños e veciñas da vila. “A xestión de formigón do señor Martín levouno a facer unha reforma á que se opuxo moita xente e nin sequera tivo a decencia de escoitar ningunha suxestión ou de ter en conta a opinión da veciñanza”, censura Fran Leiro. Sumando todas as zonas afectadas, o número de prazas redúcese en preto dun cento. A todas elas hai que engadir os espazos que se perderán tamén coa reforma da Rúa Panadeira en Sanxenxo, que une Progreso coa avenida de Madrid, unha actuación que tamén limitará o estacionamento.

A poucos días do comezo do verán, a situación xa é preocupante, tal e como denuncia o BNG, que en máis dunha ocasión advertiu da incapacidade de xestión de Telmo Martín para buscar solución a este problema. “O alcalde non só non é quen incapaz de achegar solucións, senón que afonda na eiva”, sinalan os nacionalistas, que xa o ano pasado avisaron dos problemas que ía provocar a falta de espazos disuasorios, un feito que se agravou en 2024 co peche do terreo que facía as veces de aparcadoiro disuasorio nas inmediacións do Hotel La Terraza para a súa urbanización. “Era algo que se vía vir e, un ano despois, o problema aínda é moito máis acuciante tanto en Sanxenxo como en Portonovo”, conclúe o grupo da oposición.

A estes problemas hai que engadir o mal estado no que se atopan os terreos do aparcadoiro disuasorio situado nas inmediacións do Novo Templo de Sanxenxo, no que as fochancas e a irregularidade do terreo dificultan o tránsito de vehículos, algo que xa foi criticado en varias ocasións por moitos veciños e veciñas da vila.

Publicacións Relacionadas