HomePontevedraO SalnésTelmo Martín expulsa á oposición das tres empresas municipais de Sanxenxo nun...

Telmo Martín expulsa á oposición das tres empresas municipais de Sanxenxo nun exercicio de opacidade sen precedentes

- Anuncio -spot_img

O BNG tilda de “escándalo” a decisión do alcalde de eliminar do consello de administración de Nauta, Ínsula e Turismo de Sanxenxo aos representantes dos grupos da oposición; un feito que supón “unha flagrante falta de respecto aos milleiros de veciños e veciñas que non votaron ao PP nas pasadas eleccións”.

O voceiro nacionalista, Fran Leiro, lembra que “as empresas municipais de Sanxenxo non son propiedade do PP nin de Telmo Martín” e pregúntase as razóns polas que o alcalde “quere impedir o acceso da oposición aos seus consellos de administración”.

O grupo municipal do BNG denuncia un novo capítulo de escurantismo e opacidade perpetrado polo alcalde Telmo Martín. Na mañá deste mércores celebráronse as respectivas xuntas xerais das tres empresas municipais do concello: Nauta, Ínsula e Turismo de Sanxenxo. Nunha decisión sen precedentes, o Partido Popular decidiu, de xeito unilateral, suprimir a presenza de representantes da oposición nestes consellos de administración, un feito insólito e que, en palabras do voceiro nacionalista, Fran Leiro, é “un auténtico escándalo e unha flagrante falta de respecto aos milleiros de veciños e veciñas que non votaron ao PP nas pasadas eleccións”.

Leiro denuncia que ata o de agora as tres empresas municipais sempre contaron cun integrante da oposición no seu órgano directivo, algo que “é totalmente lóxico, xa que falamos de entidades municipais e, polo tanto propiedade de todos os veciños e veciñas, polo que a directiva debe contar con representación dos demais grupos políticos”. Agora, coa decisión de Telmo Martín, só haberá representantes do Partido Popular. Leiro critica que, para poder aplicar esta decisión escurantista, o alcalde non dubidou en modificar os estatutos de Turismo de Sanxenxo, concretamente o seu artigo 12.1, no que se especificaba que o consello de administración debía contar cun membro da oposición.

O BNG votou en contra desta decisión en cada unha das xuntas xerais. “A actitude caciquil do señor Martín non ten xustificación”, denunciou Fran Leiro, que se pregunta “cales son as razóns polas que o alcalde non quere que a oposición teña presenza e voz nos consellos de administración das tres empresas municipais. Telmo Martín actúa con estas entidades públicas coma se se tratase dun negocio privado, da súa propiedade, e iso é inaceptable”, engadiu o voceiro nacionalista.

O BNG rexeita o argumento dado polo alcalde na celebración destas xuntas, nas que alegou razóns de axilidade para non contar cos concelleiros da oposición. “O que o señor Martín nos está a dicir é que para el a democracia e a transparencia son atrancos que prefire evitar para así poder traballar mais áxil, sen ter que escoitar a ninguén, e sen ter que redir contas”, sinalou Fran Leiro, que salienta o traballo “fiscalizador, proactivo e colaborador” que o BNG mantivo sempre durante todos os anos nos que estivo presente nas empresas municipais.

“As empresas municipais perténcennos a todos os vecinos e veciñas. Polo tanto, o democrático e transparente é que existan representantes tamén da oposición nos seus órganos directivos. Todos temos dereito a influir na dirección que seguen as accións de estas empresas.”, finalizou Leiro.

Publicacións Relacionadas