O BNG desvela que o alcalde esixiu ás persoas que fan uso destas instalacións que asuman unha porcentaxe dos arranxos, unha actitude que demostra que o alcalde “é incapaz de poñer solución a unha demanda histórica e só quere botar balóns fóra”
O deterioro da infraestrutura na actualidade, con algunhas partes afundidas e a madeira en mal estado, pon en risgo a integrade física dos usuarios
Os responsables do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo mantiveron esta pasada fin de semana unha reunión con usuarios do pantalán da Arnosa, na parroquia de Vilalonga, que se atopa nunha situación de deterioro alarmante e que mesmo pode poñer en perigo a integridade das persoas que fan uso desta infraestrutura. A pesar das reiteradas demandas realizadas polo colectivo, o Concello segue sen achegar solucións a un problema que se prolonga desde hai xa varias décadas e que tamén vén motivado pola falta de claridade sobre a titularidade dos amarres, xa que nin o Goberno local nin a Xunta de Galicia aclaran a quen pertence o pantalán. Un pantalán que foi construído no seu día por Telmo Martín, quen agora prefire botar balóns fóra á hora de atopar solucións ás persoas afectadas.
Unha das cuestións que se abordou no encontro mantido cos usuarios foi o estado do espazo, moi castigado polas inclemencias meteorolóxicas. O pasado ano o BNG xa advertiu desta situación, sen que o señor Martín actuase. “Foron os propios veciños os que tiveron que asumir algunha reparación puntual, pero a infraestrutura precisa dunha actuación integral para garantir o seu uso e a seguridade para as persoas”, sinalan os nacionalistas. Neste sentido, desde o Bloque lamentan tamén a pretensión do alcalde de que sexan os usuarios os que asuman boa parte dos custes económicos desa actuación. O colectivo presentou o ano paso un orzamento ao alcalde, “pero este non só non se comprometeu a nada, senón que esixiu aos usuarios que adiantasen unha porcentaxe dese orzamento. Parécenos unha tomadura de pelo que o alcalde supedite a mellora dunhas instalacións públicas, que el mesmo promoveu, a que sexan os cidadáns os que paguen parte dos devanditos custes”, critican os nacionalistas.
A situación do pantalán da Arnosa, que na actualidade é utilizado por numerosos veciños durante todo o ano, cun incremento notable no verán, reflicte á perfección a incapacidade de xestión do alcalde e o seu nulo peso político. “En todos estes anos nin sequera foi quen de aclarar con Portos de Galicia, administración dirixida tamén polo PP, a titularidade deste espazo”, advirte o BNG, o que deriva no estado de deterioro máximo no que se atopa. A iso tamén se suma o abandono da vía de acceso, chea de fochancas e cun firme que precisa tamén dunha renovación, algo que o Concello tampouco levou a cabo. A maiores, os usuarios tamén trasladaron aos representantes do BNG a necesidade de que se acometa na zona un dragado, algo que nunca se fixo desde que se habilitou o pantalán, para evitar que as embarcacións queden varadas.
Os integrantes do Bloque presentarán un escrito no Concello instando ao arranxo do pantalán, ao tempo que esixen ao alcalde Telmo Martín que “deixe de botar balóns fóra e busque unha solución dunha vez por todas a unha demanda histórica e que, ademais, é perfectamente asumible para a administración desde o punto de vista económico”. No BNG non descartan acudir de novo ao Parlamento de Galicia para abordar esta cuestión, algo que xa se fixo no pasado, a través dunha pregunta formulada por Bieito Lobeira.



