Tino Baz inaugura hoxe, no multiusos, a programación da campaña GOZA DO TEU PUNTO G

adminON
Lectura mínima de 4

 O cantautor galego Tino Baz será o encargado de inaugurar a parte musical da campaña de Normalización Lingüística GOZA DO TEU PUNTO G, O GALEGO DÁCHE UN PUNTO. Unha campaña en positivo e cun toque de humor para poñer en valor todo o que podemos ser dende o galego.

Achégase o Día de Rosalía pero as verbas desta gran escritora xa chegaron a Soutomaior na voz do cantautor Tino Baz,  Este gran músico galego estivo, esta semana, nos centros educativos do municipio compartindo co alumnado do CEIP Manuel Padín Truiteiro e do IES de Soutomaior todo o seu saber e o legado de Rosalía.

Será esta noite, ás 20:00h. no Multiúsos, cando ofreza o seu directo co concerto “Rosalía na nosa voz”, unha cita que dará o pistoletazo de saída á programación musical da campaña de Normalización Lingüística GOZA DO TEU PUNTO G, O GALEGO DÁCHE UN PUNTO.

Todas estas citas que nos achega a campaña, en música e artes escénicas, son e serán de balde, pero para a organización das mesmas, o concello xa puxo a disposición da veciñanza a recollida de entradas que se realizou esta semana, o mércores, en horario de mañá nas oficinas municipais do concello e en horario de tarde no Multiúsos. Para o concerto desta noite, de Tino Baz, aínda quedan entradas dispoñibles así que os que o desexen poderán recollelas no Multiúsos en horario de 19:00 a 19:30h. A apertura de portas para gozar deste concerto será ás 19:30h. As entradas son de balde e sen numerar.

Esta é a primeira acción pero dende o Concello de Soutomaior xa teñen en axenda e programados espectáculos teatrais dirixidos ao público adulto, á mocidade e ao infantil familiar con propostas de grandes compañías como Talía Teatro, Excéntricas, Tarabela Creativa, Centro dramático galego ou monólogos de Carlos Blanco, Isa Risco, Avelino González, Celsiño, Arantxa Treus cos que imos rir e partillar.

Tal e como afirmou Manu Lourenzo “con esta campaña animamos a toda a veciñanza a Gozar do seu punto Galego nas artes escénicas, na música e no seu día a día e por iso levaremos adiante actividade e iniciativas de promoción do galego na administración pública, actividades de promoción de galego no ensino e actividades de normalización lingüística que traerán a Soutomaior algunhas das principais referencias artísticas do noso país que nos van  dar un punto en galego e animarannos a gozar dese punto G do idioma”.

Unha campaña que tamén ten como obxectivo impulsar o galego no deporte, nos convenios coas entidades deportivas e nas promoción do deporte en galego; o galego na promoción económica, traballando conxuntamente co tecido económico no uso da lingua galega nos seus negocios e apoiando ao sector ofrecéndolles for-mación  que melloren as súas competencias lingüísticas na atención ao público en galego  para apostar polo valor engadido que supón a incorporación do galego na venda de produtos e dos servizos que prestan; o galego nas Tic  aumentado a creación de contidos en galego nos soportes dixitais e comunicativos do Concello pero tamén impulsando a creación de recursos en galego para compartir nas redes sociais; o galego no ensino e coa mocidade apoiando ao centros educativos na labor de transmisión da lingua, colaborando coas asociacións, organizando actividades de lecer  e de formación que fomenten o uso da lingua, etcétera

Comparte este artigo