- As Festas do Monte na Guarda son as máis esperadas pola veciñanza e supón un momento de encontro para moitas familias
A Guarda xa vive a súa semana grande coas Festas do Monte. Son moitos os que levan un ano agardando estas datas e cuxa espera se intensifica nas últimas semanas cos preparativos dos bombos e caixas, comidas e traxes.
A SÚA ORIXE
Estas festas de interese turístico xa pasan os 100 anos e sempre co monte como protagonista. A Sociedad Pro-Monte de Santa Tegra creouse en 1912 para revitalizar as celebracións relixiosas da ermita, recuperar o seu bosque e embelecer o entorno, así como construír unha estrada de acceso.
Un ano despois, en 1913, a sociedade Pro-Monte organizou a primeira Festa do Monte, reunindo para comer e desfrutar do folclore en familia. Rapidamente a festas traspasou as familias membros da sociedade e estendeuse con popularidade entre os guardeses e guardesas.
Co paso dos anos, perdeuse a parte relixiosa da festa e acercándose ao folclórico con bailes, comida campestres, música e bautismo báquico cos tintos da zona.
PROGRAMACIÓN 2025
As actividades das Festas do Monte 2025 arrancaron o pasado sábado coas actividades deportivas. O sábado disputouse o VI Torneo de Petanca, que arrancou as actividades deportivas que se completan co marcha cicloturista popular do martes, e pecha o xoves co partido de fútbol Sporting Guardés – C. D. Valladares co XXIV Campionato de exhibición de xadrez de mañá xoves na Praza do Reló.
A praza do Reló tamén foi testemuña do pregón deste ano que deu comezo oficial a festa que rematará o próximo luns 11 coa gran tirada de fogos.
Durante toda a semana, de luns a venres, diferentes grupos tradicionais locais enchen de música as rúas:
Luns 4 – Grupo de gaitas Do Lusco ó Fusco
Martes 5 – Grupo de gaitas A Boalleira
Mércores 6 – Grupo de gaitas do Club de Xubilados e Pensionista da Guarda
Xoves 7 – Grupo folclórico Tra-lo Mosteiro de Oia
Venres 8 – Grupo de gaitas A Boalleira e do Cub de Xubilados e Pensionistas da Guarda
Mais durante a noite, a música e festa continúa coas verbenas na Alameda:
Luns 4 – Orquestra Pontevedra e Takicardia
Martes 5 – Orquestra Ritmo Joven e La Travesía
Mércores 6 – Orquestra Combo dominicano e Alabama
Xoves 7 – Orquestra Gran Parada e Solara
Venres 8 – Orquestra La Nave e Talismán
Sábado 9 – Orquestra La Década Prodigiosa e M80
Ademais, o mércores celébrase o Rock in Fervenza na praza Avelino Vicente que trae a grupos galegos pero tamén de toda españa para desfrutar do mellor rock & roll, e garage punk rock. Os grupos que actuarán esta noite son: The Blow Ups, Pladur, Maighnai Children, Eh Mertxe e Los Oddballs.
E co paso da semana chégase ao momento álxido da Festa do Monte coa fin de semana tan especial para os guardeses e guardesas. O sábado arranca ás 11:30h co desfile folclórico e das bandas mariñeiras que levarán aos grupos tradicionais locais e ás bandas mariñeiras desde a Alameda ata o Porto. Aínda que o son dos bombos xa se escoita na madrugada anterior, xa que son moitos os que non descansan desde o venres á noite para desfrutar do sábado máis especial do ano.
As bandas mariñeiras, formadas por familias enteiras e amizades, destacan cada unha cun toque de bombo e caixa diferente, así como pola súa vestimenta. Son un total de 21 bandas mariñeiras, algunhas delas con 200 ou 300 membros. O desfile organízase por orde de antigüidade das bandas, mais este ano a banda Os da Alba abrirá o paso do resto ao cumprir 25 anos. Despois seguiranna:
- Banda Negra
- Mau Mau
- Banda Roxa
- Os Perdidos
- O Ceu Escuro
- A Troulada
- Os Despistados
- A Desfeita
- A Chicadoira
- Os da Corea
- Os do Rancho
- A Carallada
- A Foliada
- Á Beira do Río
- Banda Ribadela
- O Pé do Trega
- Nova Semente
- A Fervenza Tinta
- Do outro lado do Monte
- Ó Amparo do Monte
O domingo 10, Día do Monte, será a subida tradicional ao Monte Trega. As 21 bandas soben ao monte ao son dos seus bombos e caixas durante a mañá para a posterior comida campestre e xura con viño.
E para pór fin outro ano máis ás FDM (Festas do Monte), o luns 11 celebrarase no porta da Guarda a tradicional gran tirada de fogos de artificio ás 00:00h.
Como se vive un domingo do Monte?
O domingo do Monte é un día moi especial para os guardeses e guardesas, pois levan todo o ano agardando por ese días. O Día do Monte supón un día de encontro para moitas familias, xa que na Guarda hai moitos homes que se dedican ao mar e que tentan facer coincidir estas datas con o seu descanso.
Durante a semana e especialmente durante a xornada anterior e primeiras horas do domingo, as familias preparan a comida campestre que desfrutarán todos xuntos. Moitas veces, os membros máis maiores soben en coche ao Monte Santa Trega para preparar o sitio da comida, ao que horas máis tarde chegarán os máis novos que soben a pé coas caixas ou bombos ás súas costas.
Ás 11:00 péchase o acceso a vehículos para subir ao monte, xa que en breve comezan a subir as bandas mariñeiras encabezadas coas súas bandeiras. Ao seu paso vai deixando aos diferentes membros que van atopando as súas familias para unirse á comida, aínda que a gran maioría chega ata a casa Forestal, a redor da cal se xunta a maior cantidade de xente a comer.
A única banda que continúa o seu camiño é a Banda Negra, a máis lonxeva, que é a única que realiza a súa “xura” pola mañá.
A comida é unha comunión entre familias e amizades que desfrutan de empanadas, tortillas, bistés, bocatas, ata langostinos e postres típicos como bica ou tarta de Santiago. Tras recuperar forzas, os membros das bandas soben ata o máis alto do Monte San Trega para realizar as súas “xuras”. A xura realízase con viño tinto da zona en garrafóns, e supón unha promesa de voltar o ano seguinte a celebrar o día do Monte.
O resto da tarde a escoita de bombos e caixas e continúas coas diversas bandas polas súas zonas de xura o que conforma unha estampa colorida e chea de vida. A final da tarde, as bandas emprenden a súa baixada ata o “montiño”, o merendeiro na zona baixa do Monte Santa Trega, onde cean gran parte das familias.
Tras outro merecido descanso, as bandas mariñeiras realizan a súa baixada do monte cara os seus lugares de orixe con ganas xa de voltar o ano que vén.
Uns fogos de artificio que reúnen a todo o pobo
A tradicional gran tirada de fogos de artificio do luns é o momento de despedida dunha nova edición das Festas do Monte que quedan atrás. Este ano será o día 11 ás 00:00h.
Moitas persoas xúntanse no paseo marítimo e no porto para ver este espectáculo de fogos de artificio que dura entre 10-15 minutos. Pero cada vez máis, a xente busca lugares alternativos con vistas tamén espectaculares dos fogos como son o barrio da Cruzada (praza de San Cayetano e estrada de Circunvalación), a zona das Loucenzas, ou o propio Monte Santa Trega.
Minutos antes, comeza a emoción da despedida co apagado do alumeado público para desfrutar mellor destes fogos de artificio.
Con todo, queda claro que as Festas do Monte son máis que un festa para os guardeses e guardesas, é todo un sentimento. Vivan as Festas do Monte!