HomePontevedraPoioTodo a punto para o inicio das obras para a dotación dunha...

Todo a punto para o inicio das obras para a dotación dunha nova superficie homologada para o pavillón da Seca

- Anuncio -spot_img

• A concelleira de Deportes, Marga Caldas (BNG), prevé que os traballos se inicien durante o mes de novembro, logo de que o proxecto, que conta cun orzamento próximo aos 150.000 euros, fose adxudicado á empresa especializada Sport Equipacia

• A edil nacionalista lembra que esta actuación súmase á batería de iniciativas impulsadas para a mellora e posta a punto de infraestruturas deportivas, como as que se están a realizar no campo de fútbol da Reiboa ou as recentemente finalizadas no pavillón do CEIP Lourido

A concelleira de Deportes, Marga Caldas (BNG), visitou este xoves as instalacións do pavillón polideportivo da Seca, na parroquia de San Xoán, onde nas vindeiras semanas comezará unha actuación para dotar á pista dunha nova superficie homologada. Unha obra que “servirá para acabar coas deficiencias detectadas, de xeito que a infraestrutura pase a contar cunha superficie de primeira calidade”, segundo manifestou a propia titular da área.

Caldas Moreira prevé que os traballos comecen ao longo do vindeiro mes de novembro, logo de que o proxecto fose adxudicado á empresa especializada Sport Equipacia, cun orzamento que ascende a un total de 148.867 euros, IVE engadido. A responsable de Deportes fai fincapé na importancia desta actuación, para garantir o bo estado dunhas instalacións que son utilizadas de xeito habitual por diferentes clubs, tanto para adestrar como para competir. Durante a duración dos traballos, os e as usuarias farán uso doutras instalacións municipais. “É algo que coordinamos co tecido deportivo e cos clubs, aos que agradecemos a súa comprensión e predisposición”, recalcou Caldas.

Este proxecto súmase á batería de actuacións que desde a Concellería de Deportes se están a executar para a mellora e posta a punto das infraestruturas deportivas do municipio. Recentemente veñen de concluír as obras para a renovación da pista do pavillón do CEIP Lourido, que xa conta cunha pista homologada, o que lle permitirá acoller competicións oficiais. Precisamente, esta será unha das instalacións ás que se derivará a parte dos e das usuarias do pavillón da Seca durante a execución da devandita reforma. Ademais, tamén está a piques de rematar a colocación dun novo céspede sintético, de última xeración, no campo de fútbol da Reiboa. “Poio é un referente a nivel deportivo, tanto por resultados como por contar cunha base plenamente consolidada e que non deixa de medrar nun gran número de disciplinas. A nosa filosofía é a de continuar mellorando e ampliando infraestruturas que dan resposta ás súas necesidades”, conclúe Marga Caldas.

Publicacións Relacionadas