HomeVigoMosTodo listo para a quinta edición de FormaMOS, que arranca mañá en...

Todo listo para a quinta edición de FormaMOS, que arranca mañá en Mos cun amplo programa de actividades

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos ten xa todo preparado para a quinta edición de FormaMOS, que arranca mañá cunha programación que reunirá máis de 80 expositores e prevé superar os 3.000 visitantes.

A xornada inaugural comezará ás 10:00 horas coa actividade no espazo aberto, que incluirá o cambio de imaxe de Ondas e Perfil. Ás 10:30 será a quenda de Fungatra co “Xogo de emprendemento”, e ás 11:00 a Escola de Música de Torroso ofrecerá unha actuación de música en vivo.

A partir das 12:00 horas terá lugar a chegada de autoridades e a recepción institucional, seguida ás 12:15 do acto oficial, no que acompañarán á alcaldesa de Mos autoridades como César A. Pérez Ares, xefe territorial de Educación; Jesús Manuel Álvarez Bertolo, director xeral de Centros e Recursos Humanos; Marta Mariño Regueiro, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social; José Antonio Rodríguez Fachado, director territorial de Emprego; e Rosanna López, de Fungatra; así como José García Costas, presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Tralo acto institucional, a xornada seguirá ás 12:45 horas co relatorio do psicólogo educativo Rafa Guerrero, centrada no uso e mal uso dos dispositivos tecnolóxicos e das redes sociais e no seu impacto na mocidade.

A xornada completarase tamén cun bloque de exhibicións que inclúen a presenza dun helicóptero da Garda Civil e demostracións coa unidade canina para achegar ao público o traballo destes corpos de seguridade.

FormaMOS contará este ano coa participación activa da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, a través do seu Espazo FP Pyme, que funcionará como punto de encontro entre empresas, centros educativos e estudantes.

No marco deste espazo, o xoves celebrarase a mesa redonda “FP Dual: da inversión en formación ao retorno en talento”, coa participación de representantes de AEMOS, ATRA, Industrias Ferri e o CIFP Valentín Paz Andrade, na que se analizarán casos reais e necesidades do tecido empresarial.

FormaMOS continuará nas seguintes xornadas cun programa de actividades abertas ao público, cunha segunda xornada centrada na inclusión e na participación, e cun peche o sábado cun espazo dedicado ao gaming, que se desenvolverá entre as 12:00 e as 20:00 horas con propostas participativas e competicións.

Con esta proposta, a feira consolídase como unha cita que combina orientación formativa, experiencia práctica e adaptación ás novas realidades educativas e sociais.

Publicacións Relacionadas