HomePontevedraPoioTodo listo para o inicio da obra de integración e rehabilitación da...

Todo listo para o inicio da obra de integración e rehabilitación da contorna da antiga Escola de Tarrío

- Anuncio -spot_img

• O proxecto, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Urbanismo xa está adxudicado e contará cun orzamento de máis de 90.000 euros, financiados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

• O edil responsable da área, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), sinala que a actuación inclúe a renovación de servizos básicos, así como a dotación de empedrado e de aparellos biosaudables, rocódromo e mobiliario

A empresa EC Casas será a encargada de acometer o proxecto de integración ambiental na contorna da antiga escola unitaria de Tarrío, na parroquia de Samieira. Trátase dunha actuación de gran importancia, situada nun núcleo singular e que servirá para rehabilitar e poñer en valor unha zona cun gran potencial para converterse nun punto de encontro para a veciñanza. Este proxecto está impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, que dirixe Gregorio Agís (PSdeGPSOE).

O concelleiro socialista, que visitou o enclave recentemente acompañado pola tenente de alcalde, Silvia Díaz (Avante Poio), explica que a adxudicación foi aprobada en Xunta de Goberno Local cun orzamento que ascende a un total de 91.148,02 euros, IVE engadido.

O financiamento levarase a cabo a través dos fondos obtidos polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A actuación, que dará comezo nas vindeiras semanas, inclúe a renovación de servizos básicos, incluída a rede de pluviais, así como a dotación dunha superficie de empedrado, “perfectamente adaptada a esta contorna singular e que segue a nosa filosofía de recuperación de espazos e núcleos tradicionais”, puntualiza Agís.

No proxecto tamén se inclúe a instalación dun rocódromo e aparellos biosaudables, ademais de diverso mobiliario como bancadas e mesas de pedra. Estes elementos colocaranse en dúas áreas con pavicéspede, para consolidar a contorna da antiga escola como “un referente de lecer para veciños e veciñas de todas as idades”. Gregorio Agís lembra que no lugar de Tarrío xa se levaron a cabo anteriormente outras actuacións importantes, a través da área de Obras e Servizos, que serviron para poñer en valor este emblemático núcleo.

A adxudicación deste proxecto súmase tamén a outras actuacións de calado contempladas para a parroquia, como é a primeira fase da senda peonil que unirá O Laño coa ruta dos muíños, o que “ademais de poñer en valor un espazo de gran valor medioambiental e turístico tamén servirá para vertebrar a localidade, ofrecendo unha vía de tránsito a pé para a veciñanza”, conclúe o responsable de Promoción Económica e Urbanismo. Para os vindeiros meses tamén está contemplada unha importante actuación de renovación de servizos no lugar de Arén. “Estamos a falar de proxectos e obras que dan resposta ás necesidades da cidadanía e que suman un investimento total de máis de 500.000 euros”, apunta o socialista Gregorio Agís.

Publicacións Relacionadas