• O socialista Gregorio Agís, responsable da área, lembra que esta actuación servirá para dotar ao alumeado público de puntos ‘led’, o que servirá para mellorar o servizo e reducir os custes de consumo eléctrico
• A actuación conta cun orzamento de preto de 920.000 euros e se financia nun 80% a través de fondos xestionados polo departamento municipal ante o IDAE
O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, confirma xa está todo listo para que en vindeiras datas dean comezo os traballos para proceder coa renovación de preto de 2.500 luminarias en todo o municipio. A actuación, impulsada por este departamento municipal, está financiada nun 80% a través de fondos xestionados ante o IDAE, mentres que o 20% será asumido polo propio Concello. Agís explica que a obra xa está a piques de comezar, logo de que culminase toda a tramitación previa, que finalizou coa adxudicación do proxecto á empresa Setga, que presentou a mellor oferta no concurso de licitación. O orzamento total ascende a 918.000 euros, IVE engadido.
“Esta é unha proposta que consolida e reafirma a filosofía que vimos marcando desde hai ano no que ao consumo eficiente e aforro enerxético se refire”, explica o concelleiro do PSdeG-PSOE, que incide en que, ademais dunha mellora substancial do servizo, a instalación das novas luminarias ‘LED’ tamén suporá unha importante redución no que a custos se refire. Tal e como figura nos informes elaborados polos técnicos, estímase que o aforro que se acadará unha vez finalizada a instalación total chegará a preto dos 70.000 euros anuais. “Estamos a falar dunha actuación de vital importancia, nun contexto no que o prezo da luz pode chegar a oscilar de xeito notable en prazos moi curtos de tempo.”, apunta o titular de Promoción Económica e Urbanismo, que tamén incide na importancia de das cumprimento aos obxectivos marcados pola Axenda 2030 no que se refire a eficiencia, sostibilidade e respecto polo medio ambiente.
Gregorio Agís confirma que estes traballos deberán estar rematados antes do 30 de setembro deste ano. “Este é un paso definitivo para renovar o 100% do alumeado municipal”, conclúe o concelleiro do Goberno municipal, que lembra que o número total de unidades rolda os 6.000 aproximadamente. “Nestes anos xa fomos renovando en diferentes lugares”, puntualizou.
Nova charla informativa do programa EcoInnova Poio
Dentro das liñas de actuación impulsadas desde a Concellería de Promoción Económica e Urbanismo para fomentar a eficiencia enerxética tamén se atopa o programa EcoInnova Poio, a través do cal se ofrece asesoramento e charlas informativas sobre pautas de aforro e ferramentas para reducir a factura da luz. Precisamente, este mércores, ás 20.00 horas, terá lugar unha nova destas xuntanzas, no Centro de Formación da Reiboa, na Seca.
Son citas abertas e gratuítas, ás que se pode asistir enviando un correo electrónico a ola@ecoinnovapoio.gal ou chamando ao número de teléfono 625120475.



