- O Concello celebrará un pleno extraordiario o vindeiro 17 de xaneiro ás 20:00 horas
Todos os grupos da Corporación do Concello de Ponteareas unen forzas e acordan traballar de xeito conxunto para axilizar a tramitación das obras de mellora da seguridade na estrada N-120. No día de onte o goberno de Ponteareas, os voceiros dos grupos da oposición e os membros da Plataforma pola Defensa da Seguridade na N-120 mantiveron unha reunión para acordar as accións que se realizarán para urxir ao goberno do Estado a licitación das obras que a día de hoxe están pendentes de aprobación definitiva na Dirección Xeral de Estradas, unha vez concluídos xa os dous procesos de exposición pública.
Na reunión acordaron a convocatoria dun pleno extraordinario que se celebrará o vindeiro 17 de xaneiro ás 20:00 cun único punto na orde do día, acadar un acordo municipal para esixir ao Ministerio de Transportes a licitación das obras da N-120.
Platoforma e grupos da Corporación chaman á mobilización e difundirán a través das casas e centros culturais das parroquias convidando a participar na concentración que terá lugar diante do Concello despois da celebración do pleno. Xuntos darán lectura ao manifesto no que se esixe a urxencia da execución das obras.

