Todos os vehículos de transporte de menores inspeccionados pola Policía Local na última campaña cumprían a normativa

Redacción
Lectura mínima de 2

Entre o 10 e o 14 de novembro, inspeccionáronse 16 vehículos que superaron os controis

A Policía Local de Pontevedra, en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT), desenvolveu entre o 10 e o 14 de novembro unha nova campaña de control e vixilancia dirixida a vehículos de transporte escolar e de menores. Esta iniciativa realizouse en todo o concello.

O obxectivo principal destes controis é garantir a seguridade das nenas, nenos e adolescentes que fan uso deste servizo esencial, para certificar que cumpren con todos os requisitos técnicos e administrativos.

Durante a vixilancia, axentes da Policía Local inspeccionaron un total de 16 vehículos. As revisións foron exhaustivas e abrangueron unha ampla gama de aspectos críticos para a seguridade das persoas usuarias.

Entre os puntos fiscalizados atopábanse a posesión da autorización especial para o transporte escolar, a verificación de excesos de velocidade e taxa de alcoholemia positiva. Tamén comprobaron o correcto uso do cinto de seguridade, a vixencia da Inspección Técnica de Vehículos (ITV) e a existencia do seguro obrigatorio de responsabilidade civil.

Revisáronse, tamén, as portas de servizo e de emerxencias e os seus respectivos dispositivos de accionamento, comprobaron o permiso de condución, a presenza de acompañante, e que o vehículo dispuxese do dispositivo luminoso coa sinal de emerxencia e o sinal específico de transporte escolar. Así mesmo, a campaña controlou os tempos de condución e minoración dos descansos, tanto nos casos de excesos superiores ao 50% coma nos iguais ou inferiores a esa porcentaxe.

O resultado foi moi positivo ao rematar sen que fose preciso interpoñer ningunha denuncia.

Comparte este artigo