HomePontevedraBaixo MiñoTomiño apela ao civismo da veciñanza para previr incendios coa correcta xestión...

Tomiño apela ao civismo da veciñanza para previr incendios coa correcta xestión da biomasa

- Anuncio -spot_img

O Concello lembra a obrigatoriedade de rozar, podar ou cortar a vexetación nas parcelas das faixas secundarias ou no solo urbano, urbanizable ou do núcleo rural antes do 31 de maio

Previr incendios comeza moito antes da época estival. O Concello de Tomiño fai un chamamento á responsabilidade veciñal para cumprir antes do vindeiro 31 de maio coa normativa de xestión da biomasa que obriga á roza, poda ou corta tanto nas parcelas situadas en solo urbano, urbanizable e de núcleo rural, como nas faixas secundarias ata 50 metros arredor de edificacións, vivendas illadas, urbanizacións ou instalacións como depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras ou parques e zonas industriais.

A correcta xestión da biomasa nestes espazos é unha obriga legal recollida tanto na Ordenanza Municipal reguladora da Xestión da Biomasa como na Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. O seu cumprimento resulta fundamental para reducir o risco de propagación do lume e garantir a seguridade das persoas e dos bens.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliña que “a prevención dos incendios é unha tarefa colectiva na que cada parcela conta. Unha boa xestión da biomasa non só cumpre coa normativa, senón que protexe as nosas casas, o noso territorio e a nosa contorna natural”. A rexedora insiste en que “é fundamental actuar con antelación e responsabilidade para evitar situacións de risco que poden ter consecuencias moi graves nos vindeiros meses”.

No caso de incumprimento, o Concello poderá levar a cabo os traballos de roza, poda ou corta mediante execución subsidiaria, repercutindo o custo ás persoas propietarias das parcelas, sen prexuízo da apertura de expedientes sancionadores, con multas que poden oscilar entre os 100 e os 3.000 euros.

Durante o ano 2025, o Concello abriu un total de 428 expedientes por incumprimento das labores de xestión da biomasa. Estes expedientes iniciáronse tras recibir 310 denuncias de particulares, 31 a través da aplicación ‘Meu Concello’ e 87 de oficio. Do total, 146 parcelas xa completaron as tarefas de limpeza e outras 16 iniciaron os traballos, aínda que en moitos casos non se comunica oficialmente ao Concello a súa realización.

Desde o Concello recórdase que a correcta xestión da biomasa é unha ferramenta fundamental para construír un territorio máis seguro e resiliente fronte aos incendios forestais e apela á implicación de toda a veciñanza para protexer o ben común.

Publicacións Relacionadas