HomePontevedraBaixo MiñoTomiño apraza o seu Venres de Foliada ao 27 de febreiro ante...

Tomiño apraza o seu Venres de Foliada ao 27 de febreiro ante a inestabilidade meteorolóxica

- Anuncio -spot_img

Adíase por precaución polas previsións de alerta amarela e moito vento

 Vinte comparsas e máis de 1.500 persoas desfilarán polas rúas tomiñesas nesta nova data nun dos eventos máis agardados da comarca

O entroido en Tomiño terá que agardar. Ante a inestabilidade meteorolóxica, con previsión de alerta amarela ata última hora da tarde e fortes ventos durante o resto da xornada, o Concello aprazou o tradicional Venres de Foliada para o 27 de febreiro. Ese día, a partir das 21.30 horas as rúas tomiñesas volverán converterse nun escenario colectivo cheo de creatividade, ritmo e humor polas que desfilarán 20 comparsas e máis de 1.500 persoas participantes.

O interese pola convocatoria volveu superar as previsións: presentáronse 30 grupos, polo que unha comisión técnica tivo que realizar unha baremación para seleccionar as 20 comparsas que desfilarán finalmente. Encabezan o listado as tres formacións de Tomiño que participan de xeito habitual (Asociación Cultural Comparsa Luces de Tomiño, Asociación Cultural Ciklón e Comparsa Estrelas da Noite) xunto a agrupacións de toda a comarca e arredores, garantindo diversidade, posta en escena e un alto nivel artístico con temáticas diferentes e cheas de cor que farán gozar ao público.

O desfile manterá o formato tradicional: o orde de saída establecerase por rigorosa orde de chegada ao punto de partida, situado na rúa ao lado do CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán. O desfile comezará á súa hora habitual, ás 21.30 h, coas tradicionais treboadas para facer o seu percorrido pola rúa Gondomar ata rematar na Pedra.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que “o Venres de Foliada é unha mostra do enorme talento e do traballo colectivo das comparsas, froito de meses de preparación polo que queremos garantir que poderán desfilar nas mellores condicións posibles”. Como explicou a rexedora, “a alta demanda que temos cada ano confirma que esta cita é xa un referente e que o Entroido de Tomiño segue medrando en calidade e participación. É unha noite na que Tomiño sae á rúa con orgullo e na que a participación da veciñanza fai do Entroido un espazo de encontro e convivencia”.

Con esta edición, Tomiño reafirma o seu compromiso cun Entroido vivo, participativo e aberto, no que a creatividade local convive coa chegada de comparsas de toda a contorna para ofrecer unha noite inesquecible de festa, música e cor.

Publicacións Relacionadas