HomePontevedraBaixo MiñoTomiño constrúe igualdade dando visibilidade a mulleres referentes na ciencia

Tomiño constrúe igualdade dando visibilidade a mulleres referentes na ciencia

- Anuncio -spot_img

Concello e Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC rende homenaxe á oceanógrafa Aída Fernández Ríos nun acto que reivindica o papel das mulleres na investigación

Nunha mesa redonda este mércores 18 de marzo ás 20.00 horas no Espazo Isaura Gómez con entrada de balde

Tomiño quere poñer nome e rostro a esas mulleres que fixeron historia e que continúan inspirando ás novas xeracións. No marco da programación municipal arredor do 8M, Día Internacional da Muller, o Concello e o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) renderán homenaxe á investigadora Aída Fernández Ríos, recoñecida como Científica Galega do Ano pola Real Academia Galega de Ciencias, nun acto que porá en valor a súa traxectoria e o seu legado no ámbito da investigación mariña.

O encontro celebrarase o vindeiro mércores 18 ás 20.00 horas no Espazo Isaura Gómez con entrada de balde e contará cunha presentación audiovisual e diversas intervencións institucionais e científicas para recoñecer a contribución desta investigadora galega ao coñecemento científico. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “con iniciativas como esta queremos visibilizar o traballo de mulleres que foron e son referentes nos seus ámbitos profesionais. A ciencia tamén precisa referentes femininos que inspiren ás novas xeracións, que esperten vocacións e que axuden a construír unha sociedade máis igualitaria”.

O acto contará coa participación de destacadas figuras do ámbito científico, entre elas Juan Manuel Lema Rodicio, presidente da Real Academia Galega de Ciencias; Carmen González Sotelo, profesora de investigación do grupo de Bioquímica de Alimentos do IIM-CSIC e delegada institucional do CSIC en Galicia; Fiz Fernández Pérez, profesor de investigación do grupo Procesos Oceánicos en Cambio Global do IIM-CSIC; Luisa Martínez Lorenzo, responsable da Unidade de Cultura Científica do IIM-CSIC; José Luis Garrido Valencia, investigador científico do grupo de Fotobioloxía e Toxinoloxía do Fitoplancto do IIM-CSIC; e Noelia María Fajar, investigadora do grupo Procesos Oceánicos en Cambio Global do IIM-CSIC.

Unha das oceanógrafas máis destacadas de Europa

Nacida en Vigo en 1947, Aída Fernández Ríos converteuse nunha das oceanógrafas máis destacadas de Europa, cunha traxectoria científica de referencia internacional no estudo dos océanos e do seu papel no equilibrio climático do planeta. Foi a primeira muller en dirixir o Instituto de Investigacións Mariñas, cargo que desempeñou entre 2006 e 2011, e participou en máis de 30 campañas oceanográficas internacionais, acumulando máis de 800 días no mar investigando os cambios físico-químicos do océano Atlántico e doutros mares.

Terceira muller en ingresar como académica numeraria na RAGC, o seu traballo foi clave para comprender a variabilidade do dióxido de carbono nos océanos e o proceso de acidificación mariña, unha das grandes ameazas ambientais actuais. Formou parte do World Ocean Circulation Experiment e participou na primeira avaliación global dos niveis de CO₂ no océano debido á acción humana, publicada na prestixiosa revista Science en 2004. Ao longo da súa carreira publicou máis dun centenar de artigos científicos e colaborou con centros de investigación internacionais.

Mulleres referentes

Esta actividade forma parte do ciclo “Mulleres Referentes”, unha iniciativa coa que o Concello de Tomiño busca recoñecer o legado de mulleres que destacaron en diferentes ámbitos e que contribuíron ao avance social, cultural e científico.

A programación culminará o vindeiro 27 de marzo cunha mesa redonda ás 20.00 horas, tamén no Espazo Isaura Gómez, na que participarán mulleres referentes para reflexionar sobre a presenza feminina na toma de decisións e na vida pública.

“Construír igualdade tamén significa recoñecer ás mulleres que abriron camiño e facer visibles as súas contribucións á sociedade. Só así poderemos seguir avanzando cara a un futuro máis xusto e con máis oportunidades para todas e todos”, concluíu a alcaldesa.

Publicacións Relacionadas