HomePontevedraBaixo MiñoTomiño constrúe igualdade en marzo cunha homenaxe a mulleres referentes

Tomiño constrúe igualdade en marzo cunha homenaxe a mulleres referentes

- Anuncio -spot_img

O Concello impulsa un amplo programa arredor do 8M con actos institucionais, charlas, obradoiros e iniciativas nos centros educativos

Marzo convértese en Tomiño nun espazo aberto para a memoria, o recoñecemento e a acción pola igualdade. O Concello presenta unha ampla programación co gallo do 8M, Día Internacional da Muller, que enche o mes de actividades para construír igualdade e poñendo o foco nas mulleres referentes e na educación como ferramenta de transformación social.

“Marzo é unha oportunidade para poñer en valor o traballo das mulleres que abriron camiño e para seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria. Desde o Concello apostamos por construír igualdade con accións concretas, con memoria e con educación”, sinala a alcaldesa, Sandra González.

A programación arranca co ciclo “Mulleres Referentes” no Espazo Isaura Gómez, un proxecto co que o municipio quere honrar o legado de mulleres que destacaron en distintos ámbitos e contribuíron ao avance social, cultural e político. O primeiro acto será o venres 6 de marzo ás 20.00 horas cun coloquio dedicado a Isaura Gómez, símbolo de loita e compromiso. Será unha homenaxe á súa vida e á súa obra, cun encontro aberto á participación da súa familia e da veciñanza. Nesa mesma xornada inaugurarase unha exposición sobre mulleres represaliadas durante o franquismo cedida pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, que visibiliza historias silenciadas e recupera a memoria colectiva.

No ámbito da ciencia, o 18 de marzo ás 20.00 horas renderase homenaxe a Aída Fernández Díaz, científica galega do ano segundo a Real Academia Galega de Ciencias, cunha charla que recoñece o seu papel como referente e impulsa a visibilidade das mulleres na investigación e no coñecemento. A dimensión política tamén terá protagonismo cunha mesa redonda o 27 de marzo ás 20.00 horas na que participarán mulleres referentes neste ámbito, xerando un espazo de reflexión e diálogo sobre a presenza feminina na toma de decisións e na vida pública.

O programa complétase co ciclo “Construíndo igualdade”, que inclúe múltiples propostas para todos os públicos. Entre elas destaca o obradoiro Historias de tea, centrado na visibilización da muller na arte e na creación dunha obra colectiva a partir das experiencias e historias compartidas polas participantes, actividade que se desenvolverá ao longo de todo o mes de marzo.

Para a infancia, o contacontos “Vamos ao recreo” celebrarase o 7 de marzo ás 12.00 horas no Espazo Isaura Gómez, cun formato interactivo que busca concienciar á cativada de que non existen actividades nin espazos reservados a un só sexo. A inscrición realizarase a través da web municipal.

No eido da saúde e do benestar, desenvolveranse talleres como “Saúde e benestar dixital”, con perspectiva de xénero, que promoverá un uso saudable da tecnoloxía e a protección dos menores en internet, entre o 9 e o 20 de marzo no Espazo Isaura Gómez, tamén con inscrición previa. Ademais, impartirase o obradoiro Muller e benestar: coidados, saúde e igualdade, enfocado ao autocoidado desde unha mirada de xénero.

O ámbito educativo terá unha presenza destacada con sesións dirixidas ao alumnado de primaria e secundaria dos centros educativos de Tomiño. “Os nosos corpos, as nosas normas” traballará a construción da autoestima para o alumnado de 6º de primaria e 1º da ESO, mentres que, pola súa banda, “Así, si” será unha proposta destinada a 2º da ESO dentro dun proxecto socioeducativo que promove o adestramento na comunicación asertiva como base para relacións afectivas e sexuais saudables.

Con esta programación, Tomiño reafirma o seu compromiso coa igualdade real e efectiva, promovendo espazos de encontro, aprendizaxe e participación ao longo de todo o mes de marzo.

Publicacións Relacionadas