Cubriranse ata sete postos diferentes a xornada completa
O Concello de Tomiño incorporará este ano ao seu persoal a 19 traballadores e traballadoras contratadas a través do Plan +Provincia 2026 da Deputación de Pontevedra a través da liña 3 para a activación do emprego. Estas novas incorporacións “permitirán reforzar e mellorar diferentes departamentos municipais que precisan máis persoal ou nos que se realizan traballos estacionais, pero tamén será unha oportunidade laboral a veciños e veciñas que están na procura de emprego”, como sinala a alcaldesa, Sandra González.
A través deste plan de contratacións cubriranse ata sete postos diferentes con traballadores e traballadoras a xornada completa e contratos de entre seis e nove meses de duración. Así, está prevista a incorporación de:
- 12 peóns de xardinaría.
- Dúas persoas como peóns de obras públicas en xeral.
- Unha persoa para mecánica de mantemento e reparación de automoción en xeral Oficial 2ª.
- Un soldador ou soldadora de estruturas metálicas lixeiras, especialista.
- Un técnico/a administrativo en xeral, categoría Oficial administrativo. Como requisito debeán posuír a titulación ou titulacións de Ciclo Superior ou equivalente da familia profesional de Administración e Xestión que se establezan nas bases da selección.
- Un traballador ou traballadora social, categoría axudante titulado.
- Un enxeñeiro ou enxeñeira técnica forestal ou biólogo ou bióloga ou profesional da protección ambiental categoría de axudante titulado.
As persoas candidatas deberán estar empadroadas en Tomiño, desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego, tanto no momento da sondaxe como no da contratación.
O Servizo Público de Emprego de Galicia será o encargado de realizar a primeira selección dos e das aspirantes. Na selección terán preferencia as persoas vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas que acrediten unha discapacidade superior ao 33% sempre que permita realizar as funcións de cada un dos postos, familias monoparentais con fillos ou fillas ao seu cargo ou persoas con niveis de renda baixa e con cargas familiares.



