Os Reis Magos e o Grinch, caracterizados como superheroes, protagonizaron ‘Feliz e (tolo) Nadal’, unha experiencia audiovisual inmersiva na fachada principal do Concello
Tomiño volveu sorprender estas festas cunha estrea que promete marcar tendencia, ‘Feliz e (tolo) Nadal’, a segunda edición dun innovador espectáculo de videomapping que transformou a fachada principal do municipio nun enorme lenzo dixital, incorporando personaxes 3D que interactuaban milimetricamente cos elementos visuais da pantalla e que consolidaron a localidade como un novo referente cultural e tecnolóxico en Galicia.
O espectáculo, que combinou humor, tradición e innovación, presentou aos Reis Magos e ao Grinch caracterizados como superheroes (Harry Potter, Spiderman e Mazinger Z) interactuando en tempo real entre os personaxes físicos e a animación dixital (mapping), mediante as últimas tecnoloxías de efectos especiais (entrando e saíndo por portas e xanelas, xirando, transformando e rompendo as diversas fachadas), unha característica pioneira que converte este espectáculo nunha proposta única a nivel nacional.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, sinalou que “con este videomapping consolidamos a aposta do Concello por unha programación navideña innovadora. É un exercicio de creatividade e tecnoloxía que nos permite ofrecer á veciñanza unha experiencia inesquecible e situar a Tomiño á vangarda das celebracións culturais en Galicia”.
O despregue técnico realizado por Máquina Lumínica foi de última xeración: un proxector láser de 20.000 lúmenes garante imaxes nítidas en toda a fachada, mentres que un sistema de son de 13.000 vatios ofrece unha inmersión total. Ademais, todo o equipamento é operado desde unha unidade de proxección móbil, permitindo unha flexibilidade de montaxe sen precedentes.
Con ‘Feliz e (tolo) Nadal’, Tomiño non só ofreceu un espectáculo, senón que reafirmou a súa posición como referente en cultura e tecnoloxía, mostrando como a combinación de arte, participación veciñal e innovación pode crear experiencias memorables para todos os públicos.



