Home Pontevedra Baixo Miño Tomiño convértese na capital da lusonofía no Mundo coa gala da "República...

Tomiño convértese na capital da lusonofía no Mundo coa gala da “República dos Sonhos”

- Anuncio -

O ‘Centro Goianés’ acolleu un emocionante acto con entrevistas, conexións internacionais con Portugal, Brasil, Cabo Verde e Sao Tomé de Príncipe, e música de Uxía para poñer en valor a irmandade dos países de fala galega

O evento foi organizado pola Deputación de Pontevedra, o Igadi, o Concello de Tomiño e o AECT Rio Minho

A vila de Goián en Tomiño, dende o seu ‘Centro Goianés’ -un edificio construído cos fondos da emigración a Brasil- no medio do territorio transfronteirizo do Miño, converteuse por unhas horas na noite de hoxe na ‘capital’ da lusofonía en todo o Mundo grazas á celebración da gala ‘A República dos Sonhos’ e co lema ‘Non somos o mesmo país, pero non somos estranxeiros’.
O evento, organizado pola Deputación de Pontevedra e o Igadi e a colaboración do Concello de Tomiño e o AECT Rio Minho, reuniu de maneira presencial telemática a persoas da Galiza, Portugal, Cabo Verde, São Tomé de Príncipe e o Brasil para celebrar a súa irmandade e as potencialidades dos pobos de fala lusófona, a súa cercanía cultural, patrimonial e social dende un espazo transfronteirizo como o Miño, no que a veciñanza galega e lusa fan vida común. De facto, foi tamén unha homenaxe á escritora Nélida Piñón, que ía tomar parte do acto e axudou a levalo adiante, mais faleceu recentemente.
A presentadora do programa ‘Dígocho eu!’ da TVG Esther Estévez foi a responsable de conducir a gala, que contou coa participación musical de Uxía, quen interpretou varias pezas coa lusofonía como nexo. Na parte institucional foron entrevistadas a presidenta da Deputación Carmela Silva, o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Uxío Benítez, a alcaldesa de Tomiño Sandra González e o presidente de cámara de Vila Nova de Cerveira Rui Teixeira, mentres que na parte cultural, social e económica participaron presencialmente o historiador Ramón Villares, o xornalista Julián Rodríguez, a investigadora e filóloga Helena Pousa, o ex correspondente da TVG en Porto Carlos Portas e o director da editorial Laiovento , Alfonso Ribas, persoa cercana a Nélida Piñón.
A gala comezou coa intervención da alcaldesa de Tomiño Sandra González quen fixo de anfitrioa e salientou que Tomiño e a súa veciñanza é “terra e pobo da lusofonía, fronteira e ventana cara o mundo” pola súa vinculación de sempre con Portugal, pero tamén máis alá do mar, co Brasil. Subliñou a súa esperanza en que a gala “sexa o primeiro dunha serie de eventos que poñan Tomiño no centro por ser “en esencia” territorio transfronteirizo. Destacou tamén que a lusofonía é unha “ponte para o galego porque o abre cara o resto do mundo” xa que a lingua “que nos identifica como país é a expresión mais humana e o galego ponos en contacto con millóns de persoas”. Tomou despois a palabra o presidente de Cámara Rui Teixeira, que falou da boa relación entre ambos concellos e como comparten servizos ao terse constituído como eurocidade.
Seguiu no programa o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, quen recibiu a sorpresa da xornada grazas a unha conexión en directo coa súa familia do Brasil, o que puxo de manifesto a grande unión que existe a día de hoxe entre Tomiño e o país brasileiro. Logo dun momento de grande emoción, Benítez lembrou que a relación vén de lonxe, xa que o Centro Goianés construíuse grazas a que a veciñanza da zona quería dinamizar o lugar e conseguiu levantar o edificio a principios do século XX con, entre outros, fondos chegados de Santos e Sao Paulo, sendo rehabilitado a mediados dese século outra vez con cartos indianos do Brasil e tamén con achegas de emigrantes en Nova Iorque.
Xa no máis próximo, Benítez quixo destacar o importante nexo que existe no territorio da fronteira do Miño, que sinalou como a máis dinámica de toda a Península Ibérica tanto dende o punto de vista económico e social como cultural. Subliñou que tanto dende o AECT como dende a Deputación se están a desenvolver programas para aproveitar as potencialidades de maneira conxunta tanto dende o punto de vista turístico como social, económico e cultural.
Reinventar o territorio
Como broche final, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, puxo de relevo na súa intervención na gala o forte vínculo e unión entre os pobos transfronteirizos do sur da provincia de Pontevedra e o norte de Portugal “que sempre foi moito máis aló do xeográfico”. “Somos, como se di nesta gala, pobos diferentes pero irmáns, como amosou a gran Nélida Piñón a quen hoxe lembramos. Temos linguas irmás e temos compartido vida –subliñou-. Vivimos nun espazo común onde non nos separa unha fronteira, senón que precisamente nos atopamos no lugar de maior acercamento entre estas dúas culturas. As e os habitantes das dúas beiras do río témonos relacionado con afectos, con relacións comerciais… Sempre por riba de calquera división administrativa ou política. As persoas primeiro. Ese é tamén o noso lema”.
“Estamos máis preto que nunca e impulsamos proxectos que seguen a reafirmar esa unión e cos que queremos seguir a potenciar o noso territorio”, subliñou, tras lembrar tamén que na recente feira de Fitur en Madrid os Gobernos español e luso teñen presentado a nova Estratexia de Turismo Sostible Transfronteirizo España-Portugal.
“Como subliñaron a ministra Reyes Maroto e o ministro portugués de Economía, António Costa, é a primeira vez que dous países, e tiñan que ser España e Portugal, presentan unha estratexia de sostibilidade de turismo transfronteirizo –sinalou-. Ela falaba desta Raia como unha fractura que hoxe imos coser desde o turismo. E António Costa de como esta proposta supón reinventar o territorio desde a sustentabilidade, o turismo, a loita contra o despoboamento e a economía circular. Destacou que igual que fixemos o tope ibérico no conflito do gas co que agora somos exemplo en Europa, temos que seguir a desenvolver proxectos conxuntos e estratéxicos como territorio común. Polo tanto, seguimos a xerar novas oportunidades para seguir desde ese vínculo que nos une a converternos nunha das rexións con maior potencialidade”.
A lingua, por riba das barreiras
O historiador Ramón Villares salientou tamén, pola súa banda, a grande irmandade entre Galiza e Portugal non só por razóns lingüísticas e históricas, senón por valores e afectos, que dixo, “hai que transformar en proxectos de cooperación transfronteiriza aínda máis fortes e intensos”. Julián Rodríguez, director de ‘Economía Dixital de Galiza’ e responsable de publicacións económicas en Castela e León e Extremadura entre 1999 e 2005 fixo unha exposición da súa experiencia, destacando que hai moi diferente permeabilidade ao longo da fronteira do estado, sendo moito máis alta a interrelación con Portugal na Galiza, menos en Cáceres e Badaxoz e moi pouca en Castela e León. “Aquí vívese moi de preto a proxección da economía transfronteiriza”, subliñou.
Logo dun audiovisual sobre os falsos amigos do portugués e o galego, palabras que sendo iguais teñen distintos significados en ambos países, foi a quenda da investigadora Helena Pousa, quen fixo un pequeno percorrido polos seus traballos que amosan as afinidades entre as dúas linguas e as comunidades galaico-miñota e portuguesa. Lembrou que tivo moitas “alegrías” ao detectar no común do día a día como hai máis coincidencias que diferencias no vocabulario e a gramática, incluso con palabras específicas para o territorio do Miño. Salientou que tamén, pese a non ser territorios contiguos, hai moitas coincidencias no vocabulario entre concellos como o de Oia e Valença, por exemplo. “No fondo a lingua sempre estivo por riba de todas as barreiras políticas e militares”, salientou.
O xornalista Carlos Portas, correspondente da TVG no Porto durante moitos anos, fixo un recordatorio de como evolucionaron as relacións entre a Galiza e Portugal. Destacou que nunca se sentiu estranxeiro no país veciño e que era considerado como “un portugués do norte” e que a xente lusa se definía como “galegos do sur”. Portas fixo algunha chanza coas malas interpretacións do idioma á súa chegada a Porto, lembrando que co gallo dunha noticia que tiña que cubrir sobre a detención dunha “presunta narcotraficante galega”, ao preguntar á Policía portuguesa neses termos, non era comprendido, xa que lle entendían que pedía información sobre unha narcotraficante de “presunto” (xamón en portugués). “Caín na conta de que tiña que en lugar de falar dunha ‘presunta’ traficante, debía falar dunha ‘presumíbel’ traficante”, lembrou.
Por último na quenda de entrevistas, Alfonso Ribas, director da editorial Laiovento, veciño de Cotobade e persoa próxima a Nélida Piñón, fixo un percorrido pola figura da escritora. Destacou o título da gala como tomado dunha das novelas da autora, filla da diáspora que levou á xente galega (no seu caso de Cotobade) a emigrar a América, un dos temas máis presentes na súa obra. Ela, explicou Ribas, foi creadora de historias dunha e outra banda do Atlántico e sempre exerceu como galega alí onde ía facendo de ponte coa lusofonía.
De maneira intercalada entre todas as intervencións presenciais puidéronse ver intervencións chegadas de Portugal, Cabo Verde, Brasil e Sao Tomé de Príncipe, nas que persoas destes países falaron dos nexos de unión grazas á lusofonía e tamén deixaron sentir o seu pesar polo pasamento de Nélida Piñón.

Relacionadas

A Deputación inicia a incoación do expediente de honra a favor da doutora ourensá...

0
Marisa Crespo-Leiro (Cea, 1961), é un referente mundial no ámbito da insuficiencia cardíaca e os transplantes de corazón. Licenciada en Medicina pola Universidade de...

O Concello lanza un novo sorteo de 100 tarxetas regalo de 50 euros por...

0
A campaña arrancará desenvolverase entre o 1 e o 30 de abril. Pódese participar a partir de 30 euros de compra, depositando os tickets...

Cinco estreas na XIV Semana de Teatro Amador

0
O Teatro Municipal acollerá do luns 1 ao venres 5 as novas montaxes dos grupos de teatro CAI, Chirlomirlo, Aloia, San Fins, e A...

59 días para a marcha cicloturista Sestelo-Clásica Álvaro Pino

0
O alcalde de Covelo e a organización da marcha reúnense para ultimar os preparativos A 59 días da celebración deste evento que recorre o Condado,...

Aprazado para o sábado 6 e domingo 7 o III Encontro de Viños da...

0
Mantéñense as actividades paralelas no edificio da praza da Inmaculada Debido á adversa previsión do tempo para  a fin de semana o III Encontro de...

Actividade de Fotografía e Natureza aprazada

0
A actividade de Fotografía e Natureza programada para o día 30 queda aprazada pola chuvia ata novo aviso.

Publicacións Relacionadas