HomePontevedraBaixo MiñoTomiño derruba barreiras xeracionais ‘Atinando recordos’

Tomiño derruba barreiras xeracionais ‘Atinando recordos’

- Anuncio -spot_img

Este proxecto interxeracional dirixido por Afaga une a maiores do programa municipal de envellecementno activo Reactívate co alumnado do CEP Pedro Caselles para fomentar empatía, respecto e conexión emocional entre xeracións

Cartas que espertan sorrisos, emocións e recordos. Son coas que comeza cada ano en Tomiño ‘Atinando recordos’, un proxecto interxeracional dirixido por Afaga que tende pontes entre as e os maiores do programa municipal de envellecemento activo Reactívate e o alumnado de 3º e 4º de Primaria do CEP Pedro Caselles Beltrán. O 15 de xuño, no Día Mundial de Toma de Conciencia do Abuso e do Maltrato na Vellez, este programa que fomenta a empatía, respecto e conexión emocional entre xeracións cobra especial relevancia.

Por segundo ano consecutivo, un total de 30 maiores e máis de 70 nenos e nenas compartiron momentos únicos a través de cartas, encontros, obradoiros e xogos que puxeron en valor o poder da conexión humana máis alá da idade. “Este proxecto é pura emoción, humanidade e aprendizaxe mutua. Ver como se crean vínculos reais entre a infancia e os nosos maiores é algo que conmociona e que nos fala da importancia de construír un Tomiño que coida e que medra xunto”, subliña a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. “

O proxecto busca crear espazos de participación compartida para romper estereotipos sobre a idade, mellorar o benestar emocional da xente maior e estimular as súas capacidades cognitivas e sociais. A actividade comeza cada ano de forma tradicional: carteándose. Cada maior apadriña a dous ou tres rapaces e rapazas para cartearse ao longo de todo o ano, xerando unha estreita relación persoal que culmina cos encontros presenciais nos que se coñecen un pouco máis.

Ao longo deste curso realizáronse varios encontros presenciais en datas significativas como o Entroido, no que se organizaron obradoiros de cociña e xogos; no Día das Letras Galegas, no que integrantes do Reactívate participaron no programa de radio do CEP Pedro Caselles; ou esta semana, na que cativada e maiores puideron desfrutar obradoiros de cociña, xogos tradicionais, musicoterapia ou talleres cognitivos, entre outras propostas.

Como sinalan dende Afaga, “a evidencia científica respalda o impacto positivo deste tipo de accións, que reducen a apatía, a ansiedade ou a axitación nas persoas maiores, á vez que favorecen a aprendizaxe emocional e a tolerancia na infancia. É sorprendente como se activan emocións, lembranzas e capacidades que nalgúns casos estaban adormecidas. Ver como brillan os ollos dos nosos maiores non ten prezo”.

Este tipo de iniciativas encaixan dentro da estratexia do Concello de Tomiño de apostar por proxectos e medidas que fomenten os coidados, o benestar e a calidade de vida de toda a veciñanza e a todas as idades. Así, o Servizo de Axuda no Fogar conta na actualidade con máis de 100 usuarios e usuarias activas, o Centro de Día ten 40 prazas dispoñibles e o programa Reactívate axuda a un envellecemento activo a máis de 65 persoas en Tomiño e parroquias.

Coincidindo co Día Mundial de Toma de Conciencia do Abuso e Maltrato na Vellez, que se celebra este 15 de xuño, Tomiño reivindica a importancia de visibilizar a vulnerabilidade das persoas maiores e de traballar activamente na súa inclusión, respecto e calidade de vida.

“Queremos que Tomiño siga sendo un lugar onde cada xeración teña un papel, unha voz e un espazo para compartir e ser feliz. Proxectos coma este son sementes de futuro”, conclúe a alcaldesa.

Publicacións Relacionadas