Os concellos deseñaron no ano 2024 unha ambiciosa Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL) que contou cun proceso participativo
A proposta foi a segunda mellor valorada de Galicia na categoría de áreas funcionais polo Ministerio de Facenda
O río Miño non só vertebra a paisaxe do Baixo Miño, senón que agora tamén conecta o futuro urbano de Tomiño e O Rosal. Ambos concellos acaban de conseguir un investimento de máis de 7 millóns de euros de fondos europeos para levar a cabo unha estratexia conxunta de transformación urbana coa mellora do espazo público, a rexeneración ambiental e a posta en valor do patrimonio territorial como eixos centrais.
Esta Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL) de Tomiño e O Rosal busca un desenvolvemento integrado e sustentable do territorio, protexendo o ciclo integral da auga e aproveitando as sinerxías derivadas das súas estratexias comúns. A iniciativa foi a segunda mellor valorada de toda Galicia polo Ministerio de Facenda para a asignación de fondos europeos FEDER dentro da modalidade de Áreas Urbanas Funcionais, no marco do Desenvolvemento Urbano Sostible e con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) para o período 2021-2027. Neste sentido, Tomiño e O Rosal son pioneiros, xa que son dos primeiros municipios en acceder de forma conxunta a estes fondos europeos do FEDER urbano, que nas anteriores convocatorias estaban circunscritos unicamente a municipios de máis de 20.000 habitantes.
Esta EDIL foi creada en 2024 mediante un proceso participativo con distintos colectivos locais e precede e dá sentido ao Plan de Actuación Integrado (PAI) que guiará as accións que se levarán a cabo nos próximos anos nos dous municipios.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salientaron a importancia desta estreita colaboración supramunicipal para crear “un proxecto conxunto que permitirá planificar de maneira integrada o desenvolvemento urbano dos dous concellos. Traballamos para mellorar a calidade de vida da veciñanza, protexer o noso patrimonio e promover un modelo de cidade verde e inclusiva, cunha visión a longo prazo”. As rexedoras destacaron que tanto a estratexia deseñada como o plan de actuacións que a acompañará “reflicte as prioridades da nosa veciñanza: espazos públicos mellores, infraestrutura verde e unha identidade territorial reforzada, aproveitando a nosa vinculación co río Miño e o tecido económico agroindustrial que compartimos”.
O Plan de Actuación Integrado entende a auga como un elemento clave de conexión e vinculación entre ambos concellos. Como queda reflectido no EDIL, o río Miño, ademais da súa importancia paisaxística e de biodiversidade é un elemento conector da comarca que permite as relacións transfronteirizas, marcando a identidade territorial e sendo un recurso común a potenciar.
Denominado ‘Tomiño-O Rosal. Tecidos da auga’, o PAI estrutúrase en tres eixos principais: mellora e rexeneración ambiental, renaturalización e infraestrutura verde; reforma dos servizos urbanos e espazos públicos para as persoas e a promoción dunha marca territorial que poña en valor o patrimonio local.
O investimento total asignado provisionalmente á Área Funcional que conforman Tomiño e O Rosal alcanza os 4.365.152 €, o que representa o 60% do importe total dos tres proxectos presentados no Plan de Actuación Integrado, mentres que o 40% restante será cofinanciado polos dous concellos, que agardan contar coa colaboración da Deputación de Pontevedra.
Esta estratexia conxunta marca un fito histórico para ambos concellos, permitindo desenvolver un modelo urbano sostible e innovador, capaz de protexer recursos, dinamizar a economía e mellorar a vida da veciñanza a longo prazo.