HomePontevedraBaixo MiñoTomiño, epicentro cultural esta fin de semana con contacontos e teatro

Tomiño, epicentro cultural esta fin de semana con contacontos e teatro

- Anuncio -spot_img

Con contacontos no Espazo Isaura Gómez o día 25 e representacións teatrais para público familiar no auditorio municipal sábado e domingo

Tomiño vístese de cultura e diversión sen fronteiras: contacontos, humor e teatro para todos os públicos chegarán a diferentes recunchos do municipio, prometendo pasar unha fin de semana chea de diversión e historia.

O sábado 25 de outubro o Espazo Isaura Gómez será o escenario do contacontos ‘Un berce cheo de contos’ de Bea Campos, de Migallas Teatro, unha actividade para público infantil e familiar a partir das 12.00 horas con entrada de balde. Xa pola tarde, a actividade trasladarase ao auditorio de Goián, onde ás 21.00 horas o público poderá desfrutar de ‘Arraiadas’, unha representación en clave de humor que recrea o trapicheo da posguerra en Tomiño e Tui. Esta obra, tamén de balde e dirixida a público familiar, contou co asesoramento da doutora en Historia e veciña de Tomiño, Natalia Jorge, para garantir a autenticidade das historias.

Xa o domingo 26 Teatro de Ningures pechará a fin de semana teatral coa súa ‘Berenguela na gaiola’. Baseada no texto de Manuel María, a obra narra as peripecias de Berenguela, unha espiña de toxo que xunto aos seus compañeiros da residencia da terceira idade decide facer teatro para chegar onde xa non poden. A representación gañadora do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais 2024 está dirixida por Paula Carballeira. A obra será ás 17.30 h e terá un prezo de 3 euros. As entradas poden mercarse a través da aplicación móbil Sporttia ou no despacho de billetes unha hora antes da representación.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “esta fin de semana é un exemplo do compromiso do Concello por achegar a cultura a todos os veciños e veciñas, sen importar a idade. Queremos que cada espectáculo sexa unha oportunidade para aprender, rir e compartir momentos en familia, fortalecendo o tecido cultural do noso municipio.”

Publicacións Relacionadas