HomePontevedraBaixo MiñoTomiño estoupa de música e cor no seu Venres de Foliada

Tomiño estoupa de música e cor no seu Venres de Foliada

- Anuncio -spot_img

Máis de 1.500 persoas de 20 comparsas converteron as rúas nun espectáculo multitudinario que consolida o Entroido tomiñés como referente comarcal

Tomiño vibrou, bailou e encheuse de luz nunha noite que xa forma parte da memoria colectiva do municipio. O concello celebrou onte o seu tradicional Venres de Foliada superando todas as expectativas cun desfile multitudinario no que participaron máis de 1.500 persoas de 20 comparsas tomiñesas e de toda a comarca e arredores que garantiron a variedade temática, a calidade escénica e unha explosión de cor, imaxinación e ilusión.

As rúas Gondomar e A Pedra convertéronse nun auténtico escenario ao aire libre, cun público entregado que acompañou cada coreografía, cada posta en escena e cada golpe de ritmo das treboadas que abriron o percorrido ás 21.30 horas. A creatividade, o humor e o traballo de meses brillaron nun desfile que volveu demostrar o enorme potencial artístico do Entroido tomiñés.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “o Venres de Foliada volveu demostrar que o Entroido é moito máis ca unha festa: é traballo en equipo, talento, compromiso e identidade compartida. Ver a máis de 1.500 persoas implicadas e a centos de veciñas e veciños arroupando o desfile é a mellor mostra da forza que ten esta celebración en Tomiño”.

A rexedora quixo agradecer expresamente “a todas e todos os participantes polo esforzo e pola ilusión, porque sen eles non sería posible esta noite máxica”, e trasladou os seus parabéns ás comparsas locais, Luces de Tomiño, Ciklón e Estrelas da Noite, “que sempre están ao pé do canón e que levan o nome de Tomiño con orgullo alá onde compiten”.

Un nome que se traduce nos numerosos premios que acadan ano tras ano e que volveron repetirse este entroido. Así, a comparsa de  Estrelas da Noite fixo historia ao converterse na primeira comparsa de fóra da cidade de Pontevedra en gañar o Loro Ravachol, ademais de acadar o primeiro posto en Caminha, Noia e Padrón. Pola súa banda, Luces de Tomiño logrou o segundo premio en Nigrán, mentres que Ciklón conquistou o primeiro posto na Coruña e o terceiro en Padrón. “Son resultados que falan por si sos e que reflicten o enorme nivel artístico que temos no noso municipio”, engadiu a alcaldesa.

O Concello quérese agradecer tamén a todas as persoas e entidades que colaboraron para que o desfile do Venres de Foliada fose, un ano máis, todo un éxito. Especialmente á Protección Civil, á Policía Local e ás comparsas polo seu traballo, coordinación e compromiso, que fan posible cada edición e garanten que o evento se desenvolva con seguridade e organización. E, por suposto, moitas grazas ao público pola súa presenza e apoio constante e por ser parte fundamental para que esta celebración siga medrando e consolidándose ano tras ano.

Co éxito desta edición, Tomiño reafirma o seu compromiso cun Entroido vivo, participativo e en constante crecemento, no que tradición e innovación van da man para ofrecer unha das citas máis agardadas e celebradas da comarca.

Publicacións Relacionadas