HomePontevedraBaixo MiñoTomiño leva a súa revolución verde sobre rodas

Tomiño leva a súa revolución verde sobre rodas

- Anuncio -spot_img

O Concello investiu case 220.000 euros en reforzar a recollida selectiva cun novo camión de biorresiduos para produtores singulares, outro para voluminosos e un punto limpo móbil

A transición ecolóxica en Tomiño chega sobre catro rodas. O Concello traballa na posta en marcha dun novo modelo de recollida máis moderno, eficiente e próximo, que inclúe a incorporación de novos vehículos para reforzar a recollida selectiva: un punto limpo móbil, un camión específico para biorresiduos de produtores singulares e un servizo renovado de recollida de voluminosos e enseres que facilitará o tratamento adecuado dos residuos máis complexos.

Estes novos servizos comezarán a funcionar en breve, incluído o do punto limpo móbil, do que se anunciará a través da web e das redes sociais municipais as datas e lugares do municipio nos que se irá situando. O Concello investiu case 220.000 euros nestes equipamentos que permitirán dar un salto cualitativo na xestión dos residuos municipais e que foron financiados en máis dun 90% pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “estes novos recursos permitirán mellorar os servizos ás parroquias, facilitar a vida da veciñanza e avanzar cara a un concello máis limpo e máis responsable co seu territorio”. A rexedora engadiu que “o punto limpo móbil e a recollida de biorresiduos de produtores singulares son pasos decisivos para adiantarse ás obrigas da normativa europea, estatal e autonómica e para construír un Tomiño preparado para os desafíos ambientais da próxima década”.

Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro sinalou que “con estas axudas xa nos imos preparando para o novo modelo de xestión de residuos de Tomiño co obxectivo claro de acadar as taxas de separación marcadas desde Europa”. A edil quixo lembrar aos produtores singulares que por normativa teñen a obriga de separar os seus biorresiduos e recalcou que “o Concello lles ofrece un novo servizo ao que se poden adherir voluntariamente co que se lles facilitará esta reciclaxe”.

Un servizo máis completo e sostible

O novo punto limpo móbil percorrerá as parroquias para facilitar a entrega de residuos especiais que non poden depositarse nos colectores habituais: pequenos electrodomésticos, aerosois, pinturas, tóner de impresora, aparellos electrónicos, xoguetes ou CDs, entre outros. Ademais, integrará un servizo mellorado de recollida de voluminosos a demanda, mantendo e ampliando o sistema actual. Antes da publicación do calendario de ubicacións, o servizo presentarase nos centros escolares para que a comunidade educativa sexa a primeira embaixadora na súa difusión entre a veciñanza.

Xunto a el entra en funcionamento o novo camión de recollida de biorresiduos porta a porta destinado a produtores singulares (restaurantes, cafeterías, hoteis e establecementos similares) que non poidan asumir o tratamento mediante composteiros propios ou centros de compostaxe comunitaria. Este vehículo contará cun sistema de lectura e identificación de cada colector, permitindo rexistrar as entregas e xestionar de maneira máis eficiente a trazabilidade dos residuos orgánicos.

Estas actuacións están financiadas pola Unión Europea-Next Generation EU.

Publicacións Relacionadas