HomePontevedraBaixo MiñoTomiño moderniza a Casa das Mulleres Rurais mantendo a súa esencia

Tomiño moderniza a Casa das Mulleres Rurais mantendo a súa esencia

- Anuncio -spot_img

O Concello realizará obras para mellorar eficiencia enerxética, a accesibilidade e a conservación deste espazo, o que suporá un investimento de 150.000 euros

Tomiño dá un paso decisivo para garantir o futuro dun dos seus espazos comunitarios máis singulares sen renunciar ao seu pasado. O Concello levará a cabo unha intervención integral na Casa das Mulleres Rurais para mellorar a eficiencia enerxética, accesibilidade, condicións de habitabilidade e conservación das instalacións preservando ao tempo a súa identidade arquitectónica.

O proxecto suporá un investimento de 150.000 euros, cofinanciados ao 20% con fondos propios do Concello e con case 107.000 euros de fondos europeos a través dos fondos FEDER e da Xunta de Galicia. As actuacións centraranse en tres eixos principais: a mellora da accesibilidade mediante a creación dunha rampla e dun aseo adaptado; a resolución de problemas de humidades e filtracións e a modernización enerxética a través do illamento térmico completo, a renovación das carpinterías e a substitución dos sistemas de climatización, ventilación e iluminación existentes.

A Casa das Mulleres Rurais ocupa unha antiga vivenda unifamiliar pertencente ás coñecidas Casas de la Obra Sindical del Hogar, un conxunto de 6 grupos de 12 vivendas pareadas situadas na rúa Gondomar e na rúa da Pedra. Construídas entre finais dos anos 40 e principios dos 50, estas vivendas ultrabaratas definíanse pola súa sinxeleza, funcionalidade e carácter económico.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou que esta intervención “permite avanzar na rehabilitación sostible do noso patrimonio arquitectónico máis recente, garantindo que continúe ao servizo da veciñanza con mellores condicións e maior eficiencia”. A rexedora salientou ademais que “actuacións como esta son imprescindibles para conservar espazos de grande valor social e sentimental, manténdoos vivos, útiles e plenamente integrados no presente”.

Pola súa banda, a concelleira de Parroquias, Cristina Martínez, destacou a importancia de acometer esta obra “con respecto pola esencia e historia da edificación, preservando a súa estrutura e sobriedade orixinais, ao tempo que se adapta ás necesidades actuais das usuarias da Casa das Mulleres Rurais”. Martínez sinalou tamén que “o obxectivo é que este espazo continúe sendo un lugar de referencia para o encontro, o asociacionismo e a dinamización da vida comunitaria”.

Coa obra prevista, o Concello actuará con especial sensibilidade sobre a singularidade do inmoble, mantendo o seu carácter e estética exterior, mais incorporando solucións que reducirán ao mínimo o consumo de enerxía e as emisións de CO₂, mellorando o confort e garantindo a sustentabilidade deste equipamento para as vindeiras décadas.

A intervención permitirá que este espazo histórico continúe habitado e en uso, fortalecendo a súa función social ao tempo que se preserva o seu carácter, acompañando así a evolución de Tomiño cara a un modelo máis sostible, inclusivo e atento á memoria colectiva.

Publicacións Relacionadas