Será para a tempada de baño dos meses de verán. O proceso de selección comezará previsiblemente no mes de maio
O Concello de Tomiño ofertará un ano máis dous postos de traballo para persoas que conten coa habilitación oficial de socorristas de espazos acuáticos naturais de Galicia, co obxecto de prestar servizo na praia fluvial de Goián durante a tempada de baño de verán. Esta iniciativa ten como obxectivo reforzar a seguridade das persoas usuarias desta zona de lecer e garantir unha resposta rápida e eficaz ante posibles incidencias ou emerxencias.
O proceso de selección comezará previsiblemente no mes e de maio e, en caso de que se cubran as dúas prazas, as persoas escollidas desenvolverán as súas funcións cun horario diario previsto de 13.30 a 20.30 horas, 5 días á semana librando dous, coincidindo co período de maior afluencia de bañistas.
Entre as principais tarefas que desempeñarán as persoas socorristas destacan a vixilancia permanente da zona de baño, a prevención de accidentes acuáticos, a realización de rescates en caso necesario, a aplicación de primeiros auxilios e a coordinación cos servizos de emerxencia. Ademais, tamén levarán a cabo labores de información e concienciación dirixidas ás persoas usuarias da praia sobre as normas de seguridade e o comportamento responsable no medio acuático. O servizo tamén incluirá actividades de sensibilización sobre seguridade na auga e o fomento de prácticas de lecer saudables e seguras no espazo fluvial.
No caso de que estas contratacións conten un ano máis coa subvención da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, o proceso selectivo realizarase a través do Servizo Público de Emprego de Galicia entre persoas desempregadas e permitirá cubrir o servizo de vixilancia e salvamento durante tres meses, previsiblemente entre o 16 de xuño e o 15 de setembro de 2026.
Para obter a habilitación de socorrista en espazos acuáticos naturais débese contar con algunha das formacións recollidas no artigo 4 do Decreto 152/2021, de 21 de outubro, da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, polo que se regulan as condicións para o exercicio profesional das actividades de socorrismo acuático, información e primeiros auxilios nos espazos acuáticos naturais e instalacións acuáticas na Comunidade Autónoma de Galicia. Tanto a Academia Galega de Seguridade como a Federación Galega de Salvamento e Socorrismo de Galicia realizan cursos todos os anos para obter ou renovar a inscrición no correspondente Rexistro profesional de Galicia.
Coa posta en marcha deste servizo, o Concello de Tomiño reafirma o seu compromiso coa seguridade nas zonas de baño, contribuíndo ao benestar da veciñanza e das persoas visitantes, ao tempo que impulsa o atractivo turístico e o desenvolvemento local do municipio.



