HomePontevedraBaixo MiñoTomiño organiza a primeira xornada de adopción canina e felina do ano

Tomiño organiza a primeira xornada de adopción canina e felina do ano

- Anuncio -spot_img

A mocidade voluntaria da OMIX estará este sábado 21 de 10 a 14 h na Praza do Seixo para promover a adopción responsable e o benestar animal

A mocidade voluntaria da OMIX de Tomiño pon en marcha a primeira Xornada de Adopción Canina e Felina deste ano, que terá lugar o sábado 21 de marzo de 10:00 a 14:00 h na Praza do Seixo, co obxectivo de dar unha segunda oportunidade a cans e gatos abandonados ou procedentes de colonias felinas do municipio.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou que “iniciativas coma esta mostran o compromiso da nosa mocidade coa responsabilidade, a solidariedade e o coidado dos animais. É unha oportunidade única para concienciar sobre a adopción fronte á compra e para apoiar ás protectoras que traballan sen descanso para darlles unha vida digna a estes seres vivos”.

O evento conta coa colaboración de diversas protectoras locais (Nuestra Ayuda, Bai Sen Pulgas, Os Palleiros, Aloia, Patudos Peludos e Os Biosbardos), ás que o Concello quere agradecer “o seu traballo desinteresado e a súa dedicación para que cada animal reciba atención e os coidados que merecen”.

Durante a xornada, as persoas asistentes poderán adoptar un animal ou colaborar doando comida, xoguetes, transportíns, camiñas ou mantas. Ademais, o Concello comprométese a esterilizar gratuitamente os gatos e gatas adoptados de colonias felinas do municipio, facilitando así a súa integración responsable na comunidade.

O grupo de voluntariado da OMIX lembra que adoptar non é un xoguete, é un compromiso de vida. “Cada ano recóllense 150.000 cans e gatos abandonados. Un animal precisa coidado, afecto e atención diaria durante toda a súa vida. Cada adopción é un acto de responsabilidade e humanidade que transforma tanto a quen adopta como ao animal”, recalcan.

Para máis información, as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa OMIX de Tomiño ou seguir as redes sociais do Concello, onde se actualizarán todos os detalles do evento e as posibilidades de participación.

Publicacións Relacionadas