Alcaldesa e concelleiros recoñeceron o esforzo, talento e constancia dos deportistas, todo un orgullo para o municipio
O deporte tomiñés volve estar no mapa mundial. O Concello de Tomiño celebrou unha recepción oficial para homenaxear a David Mella e Daniel Costas, que veñen de regresar do Campionato do Mundo de Piragüismo Sprint e Paracanoe 2025 con destacados resultados.
O acto contou coa participación da alcaldesa, Sandra González, acompañada polo concelleiro de Deportes Rubén García e polo concelleiro de Mocidade Agustín González, que quixeron recoñecer a traxectoria destes dous referentes do piragüismo, cada un no seu campo.
David Mella asinou un 7º posto na proba de VL1 200 metros, consolidándose entre os mellores do mundo nun ano especialmente complexo marcado polas lesións. Pola súa parte, o adestrador Daniel Costas volveu demostrar a súa excelencia ao fronte dos seus deportistas, que acadaron grandes logros durante o Campionato do Mundo.
“Estes resultados son froito do traballo constante, da disciplina e da paixón por este deporte. Para Tomiño é un orgullo contar con referentes coma vós, que levades o nome do noso municipio ás competicións máis esixentes do mundo”, destacou a alcaldesa.
A rexedora subliñou ademais que “esta recepción é só un pequeno xesto de agradecemento. Queremos que saibades que toda a veciñanza de Tomiño está detrás de vós, celebrando cada triunfo e apoiándovos tamén nos momentos difíciles”.